A Xunta remata a senda peonil e ciclista na estrada PO-307 en Vilanova para reforzar a seguridade cara á ponte da Illa de Arousa

O delegado territorial, Luis López, e o alcalde, Gonzalo Durán, supervisaron esta actuación, que supuxo un investimento de 1,5 M€, xunto con outra obra similar na PO-549 entre Tarrío e Cores

O novo itinerario, de 1.650 metros de lonxitude e 3 metros de anchura, enmárcase no Plan de Sendas do Salnés, impulsado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

"Cumprimos o compromiso de ter a obra lista para o verán ante a chegada de turistas e o aumento do tráfico", sinala o delegado
 

Vilanova de Arousa, 30 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, rematou as obras de construción dunha senda peonil e ciclista na estrada autonómica PO-307 ao seu paso polo concello de Vilanova de Arousa, que reforzará a seguridade viaria na súa conexión coa ponte da Illa de Arousa.
Con motivo do remate dos traballos, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde vilanovés, Gonzalo Durán, supervisou esta actuación, que supuxo un investimento de 1,5 millóns de euros, incluíndo un novo itinerario na estrada autonómica PO-549, entre Tarrío e Cores, que xa fora executado a finais do pasado ano.

"Cumprimos o compromiso de ter a obra lista e completamente rematada para o verán, unha cuestión importante, porque nesta época Vilanova e toda a contorna multiplican a súa poboación coa chegada de turistas e prodúcese un aumento considerable do tráfico, polo que era preciso garantir a maior seguridade á mobilidade desta contorna", sinalou o representante autonómico.

Este novo itinerario peonil e ciclista ten unha lonxitude de 1.650 metros e comprende o treito entre o lugar de Deiro e a ponte cara á Illa de Arousa, onde se une ao paseo da PO-306 nesta infraestrutura, e ademais está conectado coa senda realizada hai algúns meses na PO-549, que ten un percorrido dun quilómetro.

A nova senda, realizada na contorna de San Miguel, está executada en formigón coloreado ao longo da marxe esquerda e conta con tres metros de anchura e unha separación coa plataforma da calzada mediante unha cuneta de seguridade e unha banda verde.
A actuación, que tamén incluíu melloras nas paradas de autobús, a instalación de sistemas de recollida das augas de drenaxe e a colocación das canalizacións para as futuras redes eléctricas e de telecomunicacións, enmárcase no Plan de Sendas de Galicia na comarca do Salnés e foi cofinanciada con fondos europeos do programa operativo FEDER 2014/2020.

Imaxes relacionadas