O titular da Xunta, acompañado da ministra da Coesão Territorial, Ana Abrunhosa, e do presidente da Comissão e Desenvolvimento Regional do Norte, António Cunha, participou este mediodía na clausura do Encontro de Cooperação Transfronteiriça
Feijóo reivindica o espazo rexional e interrexional como o marco máis útil e próximo ao cidadán para despregar as políticas europeas
“Europa ten nas rexións un dos seus puntais, e as rexións teñen en Europa un punto de encontro para relacionarse e intercambiar experiencias”, di, lembrando especialmente os diferentes fondos que permiten o despregamento de proxectos concretos relacionados coas infraestruturas e con outros servizos públicos como a loita contra os lumes
Fronte aos nacionalismos que inventan fronteiras, pon en valor o rexionalismo europeo: incluínte, compatible con varios sentimentos de pertenza e que quere o propio sen que iso implique rexeitar ao outro
Agradece novamente ao Goberno portugués o seu compromiso co proxecto atlántico que aspira a unir, a través do tren de alta velocidade, Portugal e Galicia; “un proxecto -di- que Galicia apoia incondicionalmente”
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou hoxe o espazo rexional e interrexional como o marco máis natural, máis útil e máis próximo ao cidadán para despregar as políticas europeas. “Europa ten nas rexións un dos seus puntais, e as rexións teñen en Europa un punto de encontro para relacionarse e intercambiar experiencias”, abundou, lembrando especialmente os diferentes fondos que permiten o despregamento de proxectos concretos relacionados coas infraestruturas e con outros servizos públicos como a loita contra os lumes.
Durante a clausura do Encontro de Cooperação Transfronteiriça, o titular do Goberno galego, que estivo acompañado da ministra da Coesão Territorial, Ana Abrunhosa, e do presidente da Comissão e Desenvolvimento Regional do Norte, António Cunha, resaltou que Europa nace das rexións limítrofes e desenvolverase mentres unha intensa política rexional exista e se traduza en instrumentos analizados nesta xuntanza.
Deste xeito, e fronte aos nacionalismos que inventan fronteiras, imaxinan agravios e buscan inimigos, puxo en valor o rexionalismo europeo: incluínte, compatible con varios sentimentos de pertenza e que quere o propio sen que iso implique rexeitar ao outro.
“Un rexionalismo europeo que fai que as nosas nacións teñan un desenvolvemento harmónico e solidario”, dixo, facendo fincapé en que, interpretado desta forma, axuda a que o gran mosaico de Europa logre unha imaxe coherente, onde non queda esquecida ningunha das súas realidades.
O presidente da Xunta aproveitou o acto para referirse tamén ao Camiño portugués que conduce a Compostela e que ten en Vila Nova de Cerdeira unha das súas etapas máis fermosas e máis arraigadas na tradición. “O Xacobeo volve estar presente nas nosas vidas, e faino con carácter bianual, como unha forma de acompañar o renacemento que esperamos que se produza tras a pandemia ao recuperar pouco a pouco a convivencia, a relación humana e a confianza no futuro”, aseverou.
Así mesmo, felicitou a todos os participantes neste encontro que pon de manifesto que desde fai moitos séculos, portugueses e galegos creron que o futuro consistía en cooperar entre eles e deixar atrás separacións artificiais.
Por último, o titular do Executivo galego aproveitou o acto para agradecer novamente ao Goberno portugués o seu compromiso co proxecto atlántico que aspira a unir, a través do tren de alta velocidade, Portugal e Galicia; “un proxecto -dixo- que Galicia apoia incondicionalmente”.