A Xunta achega case 1 M€ a 57 concellos lugueses para fomentar a igualdade, previr a violencia de xénero e apoiar ás vítimas

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, informaron hoxe da resolución da orde de axudas a entidades locais, que beneficia ao 85% dos municipios da provincia

A maior contía vai destinada ao funcionamento dos Centros de Información á Muller (CIM) e tamén se financian accións de sensibilización, conciliación e corresponsabilidade familiar

Lugo, 29 de xuño de 2021

A Consellería de Emprego e Igualdade achegará case un millón de euros (988.914 euros) a 57 concellos da provincia de Lugo para levar a cabo accións encamiñadas a fomentar a igualdade e a previr a violencia de xénero.
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, informaron hoxe da resolución desta orde de axudas, que, segundo destacaron, chegarán ao 85% dos municipios lugueses. Esta colaboración permite impulsar medidas de igualdade no ámbito local, co dobre obxectivo de contribuír a que mulleres e homes teñan as mesmas oportunidades e avanzar na erradicación da violencia de xénero.
Ao abeiro desta convocatoria, O Goberno galego financia actuacións de catro programas. A maior contía vai destinada ao funcionamento da rede de Centros de Información á Muller (CIM), integrada por 11 centros (Chantada, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Palas de Rei, Quiroga, Ribadeo, Sarria, Vilalba, Viveiro e Burela) que dan cobertura a 37 concellos.
As axudas concedidas para o mantemento dos CIM suman preto de 570.000 euros e permitirán soster 29 postos de traballo de persoal de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica e axentes de igualdade. Os dous responsables autonómicos salientaron que a Xunta atendeu todas as solicitudes presentadas polas entidades locais para soster estes centros.
Outra das liñas destina 282.338 euros a financiar accións de fomento da conciliación en 23 concellos: O Corgo, Outeiro de Rei, Castroverde, Rábade, Guntín, Xove, Ourol, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Xermade, Guitiriz, Muras, Pol, Palas de Rei, Monterroso, Antas de Ulla, Sober, O Saviñao, Becerreá, Baralla, O Incio e Sarria.
En canto ao programa orientado á posta en marcha de medidas de sensibilización, información e difusión sobre a igualdade e prevención da violencia contra as mulleres, na convocatoria deste ano destínanse 124.900 euros para 24 entidades locais con cargo aos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Os concellos beneficiarios son Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Xove Becerreá, A Fonsagrada agrupado con Negueira de Muñiz, Pedrafita do Cebreiro, Baleira, Pol, A Pastoriza, Cospeito, Antas de Ulla, Palas de Rei, Xermade, Begonte, Carballedo, Folgoso do Courel, Sober, Portomarín, Rábade, Paradela e Sarria agrupado con Láncara.
Por último, na liña orientada a financiar programas de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero, a Xunta concedeu 12.000 euros ao concello de Guitiriz.
López Abella e Arias salientaron que todas estas medidas teñen por obxecto fomentar a igualdade desde o ámbito municipal, que resulta idóneo por ser o máis próximo á cidadanía e coñecer a situación específica da súa poboación.

Imaxes relacionadas