A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade mantivo unha xuntanza co coordinador do sector ferroviario do sindicato CCOO-Galicia, Gregorio Bermejo, e cos seus representantes provinciais

Ethel Vázquez salienta que a Xunta seguirá a dar a batalla ante o Goberno de España para que os galegos dispoñan de servizos de tren competitivos e de calidade

Vázquez Mourelle rexeita que se use a pandemia como escusa para recortar prestacións e emprego no tren

A Xunta remitiu preto de medio cento de escritos ao Goberno de España demandando o restablecemento completo dos servizos de tren suspendidos pola covid-19

Subliña a preocupación por liñas como Ferrol-Ribadeo ou a conexión con Portugal, que están ao 25%, mentres que entre Ourense e O Carballiño opera só 1 frecuencia ao día e continúan sen repoñerse os trens hotel

A Xunta e CCOO comparten a necesidade de que Vilagarcía sexa parada obrigada do tren nos servizos entre Vigo e Madrid postos en marcha en xuño, xa que supón aumentar 5 minutos o tempo de viaxe para atender unha demanda potencial de 100.000 persoas

Demandan que os investimentos na infraestrutura do AVE ou nas estacións intermodais vaian acompañados tamén de mellor material rodante, como os trens AVRIL, e de servizos acordes ás necesidades de mobilidade dos cidadáns

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2021.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe que a Xunta dará a batalla e manterá a reivindicación ante o Goberno de España para que os galegos dispoñan de servizos de tren competitivos e de calidade.
Vázquez Mourelle, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo está mañá en San Caetano unha xuntanza co coordinador do sector ferroviario do sindicato Comisións Obreiras Galicia, Gregorio Bermejo, e cos seus representantes provinciais.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade sinalou a preocupación da Xunta pola situación dos transporte ferroviario en Galicia, na medida en que afecta aos usuarios e tamén incide no emprego no sector. Ethel Vázquez asegurou que Galicia rexeitou que a pandemia sexa empregada como escusa por parte do Goberno de España para recortar prestacións e postos de traballo no tren.
Vázquez Mourelle contabilizou en preto de medio cento os escritos remitidos desde o Goberno galego no último ano aos responsables de Renfe e do Ministerio, trasladando a preocupación ante as escasas frecuencias de tren e a non reposición dos servizos, cando a situación sanitaria xa o permitía e a demanda existente así o requiría, inquedanzas que tamén se trasladaron ao propio ministro no encontro mantido no mes de abril.
Lamentou que as respostas obtidas sempre foran na mesma dirección, limitándose a sinalar que se recuperarían os servizos cando aumentase a demanda. Iso, en palabras da titular de Infraestruturas e mobilidade “é un círculo vicioso, xa que se non se oferta un bo servizo aos cidadáns é imposible que se recupere a demanda”.
A conselleira sinalou que a día de hoxe, o restablecemento dos servizos de tren en Galicia segue a ser incompleto e insuficiente, e puxo de exemplo dos maiores problemas as liñas que prestan servizos rexionais: a liña Ferrol-Ribadeo, onde se pasou de 4 frecuencias ao día a só 1 por sentido; o mesmo ocorre na liña Ourense-O Carballiño, nas que só hai 1 frecuencia ao día; ou entre Ferrol-A Coruña, onde seguen sen restablecerse aínda 2 liñas; xunto coa liña internacional con Portugal, onde os servizos están só restituídos ao 25%.
Salientou que tampouco se repuxeron os trens hotel, con Madrid e Barcelona, a pesar de que son liñas que prestan un servizo esencial á cidadanía, e nas que se ve escaso interese por parte de Renfe en restablecelas.
Ethel Vázquez referiuse, ademais, a que os servizos de longa distancia con Madrid que se puxeron en marcha este mes de xuño non fan parada en Vilagarcía. Neste sentido expresou a coincidencia da Xunta e dos representantes de Comisións Obreiras coa demanda do propio Concello de que Vilagarcía ten que ser parada obrigada do tren, xa que suporía escasos 5 minutos para atender unha demanda potencial de 100.000 persoas.
Os representantes da Xunta e de Comisión Obreiras coincidiron tamén na necesidade de que os investimentos a nivel da infraestrutura -o AVE ou as estacións intermodais-, deben ir acompañados de mellor material rodante -os trens AVRIL-, e de servizos acordes ás necesidades de mobilidade dos cidadáns.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade contrapuxo a situación do tren cos servizos de transporte público interurbano de competencia da Xunta. Vázquez Mourelle lembrou que nos peores momentos da pandemia, a Xunta mantivo sempre autobuses en circulación, que se foron restablecendo de xeito acorde á evolución sanitaria. Remarcou que desde o pasado 10 de maio, unha vez superado o estado de alarma e as restricións de mobilidade, a Xunta restituíu a totalidade dos servizos de autobús da súa titularidade.

Imaxes relacionadas