A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde, Plácido Álvarez, selaron o convenio para impulsar esta actuación

A Xunta e o Concello de Muíños colaboran para impulsar a mellora dos servizos de saneamento en varios núcleos do municipio cun investimento de 225.000 €

Mellorarase o tratamento das augas residuais dos núcleos de Muíños e do Barrio e realizaranse reparacións nas depuradoras do Parque e de Pazos

A Xunta asume o 80% do investimento, 180.000 euros, e a contratación e a execución das obras, que teñen un prazo de execución de seis meses

O Concello de Muíños contribuirá co 20% restante, 45.000 euros, porá a disposición os terreos necesarios, tramitará as actuacións precisas e asumirá as actuacións realizadas

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2021

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, selaron o convenio de colaboración para executar as obras de mellora do servizo de saneamento municipal en varios núcleos deste concello ourensá que suporán un investimento de 225.000 euros.
O acordo ten como obxectivo a mellora do tratamento das augas residuais dos núcleos de Muíños e do Barrio, así como a reparación das depuradoras do Parque e de Pazos.
Segundo o convenio asinado, a Xunta, a través de Augas de Galicia, cofinanciará a actuación nun 80% coa achega de 180.000 euros. Tamén levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras, que contan cun prazo de execución de seis meses.
Pola súa banda, o Concello de Muíños contribuirá ao financiamento do 20% restante, destinando 45.000 euros, ao tempo que asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.
As actuacións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da covid-19.

As actuacións proxectadas

As actuación que se executarán no marco deste convenio inclúen a disposición dunha nova rede en Muíños, que comezará nun pozo de rexistro anterior á fosa séptica e continuará por terreos rústicos cara ao norte, ata a estrada que vai a Mugueimes, onde se conectará cun pozo da rede que baixa pola citada vía.
A nova rede cruzará o río ancorada á ponte e descargará nunha nova estación de bombeo desde a que se elevarán as augas á rede da depuradora do Parque.
En canto á nova rede no lugar do Barrio, terá unha lonxitude de 298 metros e contará con 14 pozos de rexistro. Tamén disporá dun ramal lateral de 56 metros en tubo das mesmas características, de 160 mm de diámetro.
Ademais, o proxecto inclúe a localización e a posta en rasante de tapas de rexistro de pozos na estrada de Mugueimes e a limpeza de areeiros de fosas existentes en distintos núcleos.
O departamento que preside Ethel Vázquez continúa prestando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan desenvolver as súas competencias de saneamento e abastecemento dun xeito eficiente e acorde ás necesidades dos cidadáns.

Imaxes relacionadas