Política Social presenta a guía de servizos de emerxencia social en lectura fácil de Fademga dirixida a persoas en risco de exclusión
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou na presentación do documento, que ten como finalidade explicar os servizos sociais que se encontran nas cidades da Coruña, Ferrol e Santiago
Na guía se poden atopar as oficinas de información das tres cidades, albergues para durmir ou os puntos de axuda de aseo, entre outras cousas
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, asistiu á Xornada de Presentación da Guía de Servizos de Emerxencia Social en Lectura Fácil levada a cabo por FADEMGA Plena Inclusión – Galicia, onde puxo en valor o traballo desta entidade que se dedica a ofrecer servizos inclusivos para as persoas que máis o precisan e que busca converter Galicia nun lugar máis igualitario e inclusivo. A Xunta de Galicia mostra o seu compromiso con esta entidade social achegando co 0,7% do IRPF para a financiación de programas máis de 61.000 euros.
A guía presentada hoxe é un documento escrito en lectura fácil, o que significa que está escrita de forma máis sinxela para a súa comprensión, que ten como finalidade explicar os servizos sociais que se encontran na Coruña, Ferrol e Santiago. Está dirixida a persoas con discapacidade intelectual ou en desenvolvemento ou a usuarios que se atopan en situación de exclusión social e que sofren discriminación por distintas razóns, desde persoas que teñen algunha discapacidade ata os procedentes doutros países que son diferenciados por esa razón. Este documento posibilita que aqueles que o precisen poidan localizar facilmente as oficinas de información, os albergues para durmir, roupeiros, axudas para o aseo, oficinas de axudas para persoas estranxeiras, tamén axudas para comer, para persoas que consumen drogas ou para mulleres que sofren violencia de xénero.
Arturo Parrado salientou durante a presentación o importante labor que nestes momentos tan difíciles están a realizar as entidades que traballan na inclusión social e laboral de persoas nunha situación de vulnerabilidade. Ademais, fixo fincapé en que este ano, tras a pandemia da covid-19, este colectivo precisa máis axuda e apoio que nunca e por iso é o momento de que as entidades traballen conxuntamente para proporcionalles as ferramentas axeitadas.
Neste sentido, o director xeral de Inclusión Social destacou a colaboración que mantén o Goberno galego coas entidades sociais para apoiar ás persoas que se atopan nunha situación de exclusión social. Un compromiso que a Xunta de Galicia continúa amosando nos orzamentos destinados á área de Inclusión neste exercicio, que ascenden a 125,5 millóns de euros, o que supón a contía máis elevada da súa historia e un 4,5% máis que en 2020.