Medio Ambiente concede axudas por importe de máis de 1,5 M€ para rehabilitar 42 vivendas de titularidade municipal en 20 concellos

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de resolver a orde de axudas do programa de recuperación de inmobles de propiedade municipal para destinalos a alugueiro social

Grazas a este programa, que se puxo en marcha no ano 2017, rehabilitáronse un total de 125 vivendas
 

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de confirmar a concesión de axudas por un importe de máis de 1,5 euros coas que se rehabilitarán 42 vivendas de titularidade municipal en 20 concellos galegos.

O Instituto Galego de Vivenda e Solo está a avanzar na resolución das axudas, convocadas por esta entidades en marzo, presentadas polos concellos galegos, para mellorar o parque inmobiliario da súa propiedade e poder destinalo a alugueiro social. Grazas a estes 20 proxectos disporanse de máis de 40 novos fogares para facilitar o acceso a unha vivenda en alugueiro a senllas familias.

Os inmobles cos que se disporán de 42 vivendas, tras a rehabilitación, están ubicados nos concellos da provincia da Coruña de Santiso (1), Curtis (2) e na Baña (2); na provincia de Lugo, Alfoz (1), Sarria (5), A Fonsagrada (2) e Paradela 2); nos concellos ourensáns de A Veiga (8), Cartelle (1), Riós (2), Trives (1), Taboadela (3), Os Blancos (2), Ramirás (1) Lobios (2), Porqueira (1), Cortegada (1), A Merca (2); e –por último- en Dozón (1) e A Lama (2), na provincia de Pontevedra.

Cómpre recordar que estas axudas están pensadas para prestar apoio aos concellos de menos de 20.000 habitantes, para que poidan rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal xa existentes e as adxudiquen, en réxime de alugamento, a unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 veces o IPREM.

A Consellería de Medio Ambiente salienta que este tipo de axudas teñen un dobre beneficio, como é o de facilitar unha vivenda digna ás persoas que o necesitan e recuperar unha zona degradada, dotala de vida e enchela de xente que se quede a vivir neste concellos máis pequenos.

Grazas a estes incentivos, os concellos non teñen que asumir o 100% do custe dos traballos para recuperar e mellorar o estado actual dos inmobles que, en cada caso, presentan unhas condicións arquitectónicas distintas; que requirirán renovar as cubertas, cambiar carpinterías exteriores, rehabilitar fachadas e acondicionar os accesos, entre outras actuacións.

A Xunta puxo en marcha en no ano 2017 o programa para a rehabilitación de vivendas de mestres e outro oficios. O interese dos concellos por este liña de incentivos -actuouse nun total de 125 vivendas- levou ao Goberno galego a ampliar este programa ás edificacións e vivendas de titularidade municipal.
 

Imaxes relacionadas