Galicia, Asturias e Cantabria avogan pola colaboración entre administracións para impulsar o desenvolvemento da enerxía eólica mariña

Os presidentes autonómicos Alberto Núñez Feijóo, Adrián Barbón e Miguel Ángel Revilla acordan traballar de maneira conxunta para estudar e avaliar as posibilidades técnicas, viabilidade económica e desenvolvemento ordenado desta enerxía, de tal xeito que sexa compatible co resto de actividades, especialmente a marítimo-pesqueira

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2021.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xunto aos seus homólogos dos gobernos autonómicos do Principado de Asturias e de Cantabria, Adrián Barbón e Miguel Ángel Revilla, respectivamente, aproveitaron o encontro mantido o pasado venres na comunidade cántabra para afianzar o espírito de colaboración existente entre as tres administracións e, en particular, para avogar por un traballo conxunto que permita impulsar a enerxía eólica mariña a través dun desenvolvemento ordenado e respectuoso co resto de actividades.

En concreto, os tres presidentes autonómicos coincidiron na importancia de incorporar, no marco da Estratexia Europea de Crecemento Azul, as novas tecnoloxías relacionadas coa eólica mariña como elemento transformador e de sostibilidade do tecido empresarial.

Así, Galicia, Asturias e Cantabria defenden a necesidade de promover esta colaboración para o estudo e avaliación desta enerxía renovable, así como para a xestación de proxectos a través dun aproveitamento razoable e sostible. Neste sentido, o obxectivo é avaliar conxuntamente as posibilidades técnicas da eólica mariña, a súa viabilidade económica e, de maneira especial, o seu desenvolvemento ordenado para que sexa compatible co resto de actividades, sobre todo coa marítimo-pesqueira, fomentando un aproveitamento sostible dos recursos mariños.

Deste xeito, Galicia está dando un novo paso no futuro desenvolvemento deste sector, tras a constitución, este mesmo mes, do Observatorio da eólica mariña de Galicia, un instrumento que actúa como punto de encontro para permitir á Xunta, á industria vencellada á eólica offshore e ao propio sector marítimo-pesqueiro identificar oportunidades e analizar o impacto deste tipo de instalacións.
 

Imaxes relacionadas