A Xunta reivindica a capacidade transformadora da muller nos ámbitos científico e laboral no acto `Xacobeo peregrinas´ en Padrón

A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou neste encontro que forma parte da programación do Xacobeo

A inserción laboral da muller no tecido económico e a loita contra a lacra da violencia de xénero son dous piares da actuación da Consellería de Emprego e Igualdade, explicou Toca

Trátanse unha serie de encontros onde compartir ideas, opinións e se fai debate coa mirada posta no papel da muller no Camiño de Santiago
 

Padrón (A Coruña), 26 de xuño de 2021

Reivindicar o papel da muller en eidos como a ciencia e investigación, a música, as redes sociais e a empresa foi o núcleo da conversa na Casa Museo Rosalía de Castro, en Padrón (A Coruña), dentro do ciclo Xacobeo Peregrinas no que participou a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca.
Nun lugar senlleiro, vencellado á poeta máis recoñecida na súa terra e alén de Galicia, Rosalía de Castro, a directora xeral puido conversar sobre a súa relación co Camiño de Santiago con destacadas referentes galegas como a doutora Sonia Villapol, neurocientífica e investigadora nos Estados Unidos de América; Uxía Senlle, intérprete musical con máis de 35 anos de exercicio nas súas costas; Mar Rodríguez Meseguer, empresaria especializada en turismo e Isabel Llano, coñecida na rede como Isasaweis, de orixe asturiano e con relevante presenza en redes sociais; todas elas nun acto conducido pola xornalista María Solar.
Covadonga Toca puido falar, ademais da súa experiencia persoal como camiñante en varios dos Camiños Xacobeos, das políticas de formación e apoio encol do emprego feminino en Galicia e o combate á fenda de xénero no marco laboral, cun investimento para este 2021 de 10,6 millóns de euros en impulso á contratación de mulleres.
Toca mencionou dous programas esenciais para facer realidade o compromiso do Goberno galego coa igualdade de xénero como son o Emega e o Galicia Emprega. O Emega financiou preto de 200 iniciativas empresariais de mulleres creando máis de 300 empregos femininos en Galicia e, pola súa banda, o Galicia Emprega permitiu a contratación de 475 mulleres en Galicia, ambos fitos neste 2021. Outro dos eidos esenciais para acadar a igualdade, lembrou a directora xeral, é a loita contra a violencia de xénero, tamén no ámbito do traballo, “un dos lugares onde a través da igualdade transformamos a sociedade”, mencionou; de ahí a importancia do programa de inserción laboral para mulleres vítimas do maltrato, que este ano chegou a 328 mulleres, ou do programa de fomento da contratación para vítimas da violencia de xénero, que chegou a 92 mulleres de 49 concellos.
Xacobeo Peregrinas aposta pola descentralización das súas sesións, cun eixo temático ao redor do papel da muller no Camiño de Santiago, cunha perspectiva de xénero que afonda a través do que contan destacadas mulleres da sociedade galega en eidos moi variados: arte, literatura, gastronomía, deporte... Onde son elas, referentes de éxito nas súas disciplinas, as que falan das súas experiencias persoais e o seu vencello co Camiño Xacobeo, engadindo unha anovadora perspectiva en dez lugares simbólicos da xeografía galega. Este programa enmárcase dentro da estratexia e vontade do Executivo galego de impulsar á muller como axente transformador no económico, no político e no social.

Imaxes relacionadas