O presidente da xunta asistiu hoxe, no Mosteiro de Santo Toribio de Liébana, xunto co presidente de Cantabria e o presidente do Principado de Asturias, ao descubrimento da mouteira que identifica o Camiño de Santiago

Feijóo agradece a Asturias e Cantabria a súa implicación no coidado e promoción do Camiño e insta á España “verde” a aproveitar a oportunidade histórica que supón o Xacobeo 21-22

Resalta a aposta que desde múltiples ámbitos está a facer Galicia para ofrecer un destino seguro, de calidade e sostible

Asevera que tanto a Ruta Xacobea como o Camiño Lebaniego conteñen unha mensaxe de cooperación que o Noroeste peninsular segue captando a día de hoxe: “xa sexa na colaboración e nas boas prácticas fronte ao virus, na solicitude das infraestruturas que nos corresponden como españois, e para afrontar un reto do que vimos dando conta desde fai lustros e que agora España e toda a Unión Europea sinte como propio, como é o reto demográfico”

Camaleño (Cantabria), 25 de xuño de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, agradeceu hoxe a Asturias e Cantabria a súa implicación no coidado e promoción do Camiño e instou á España “verde” a aproveitar a oportunidade histórica que supón o Xacobeo 21-22, para reactivar o tecido turístico.

Durante o acto de descubrimento da mouteira que identifica o Camiño de Santiago, no Mosteiro de Santo Toribio de Liébana, e xunto co presidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, e presidente de Asturias, Adrián Barbón, Feijóo aseverou que tanto a Ruta Xacobea como o Camiño Lebaniego son produto da mellor humanidade: o sacrificio diante do adverso, a unión e os destinos comúns.

“Na pandemia foi así. Fixemos sacrificios ante unha adversidade descoñecida na nosa historia contemporánea; unimos forzas e apostamos máis que nunca por unha cooperación leal; e conxurámonos para saír canto antes e chegar a metas como este dobre Ano Santo 21-22”, dixo, incidindo en que ambos Camiños conteñen unha mensaxe de cooperación que o Noroeste peninsular segue captando a día de hoxe, “xa sexa na colaboración e nas boas prácticas fronte ao virus, na solicitude das infraestruturas que nos corresponden como españois, e para afrontar un reto do que vimos dando conta desde fai lustros e que agora España e toda a Unión Europea sinte como propio, como é o reto demográfico”.

Así mesmo, recordou que con esta mouteira dáse continuidade á iniciativa de Símbolos Xacobeos no mundo, que expandiu a marca xacobea por Cracovia, Bruxelas, Bos Aires ou Río de Xaneiro, entre outros lugares.

Ao longo da súa intervención, Feijóo resaltou a aposta que desde múltiples ámbitos está a facer a Comunidade para ofrecer un destino seguro, de calidade e sostible. Así, a nivel sectorial destacou o apoio a todos os sectores afectados pola pandemia e o fomento do consumo interno, a través de iniciativas como o Bono turístico; ademais do impulso á desentacionalización, a través do programa Elixe Galicia.

Por outra banda, e a nivel de seguridade, resaltou a posta en marcha de medidas como o Seguro covid, test de antíxenos nos aeroportos galegos, un teléfono especial para turistas e un certificado dixital para acreditar a pauta de vacinación.

“E reinauguramos a Catedral de Santiago, contamos cun Pórtico da Gloria embelecido, relanzamos o Monte do Gozo, melloramos a rede de albergues públicos, acondicionamos os Camiños e temos programado máis de 200 actuacións e 472 proxectos dentro do programa O teu Xacobeo”, engadiu, destacando tamén os 380 BIC que acollen as rutas xacobeas, ademais dunha natureza desbordante.

Feijóo concluíu incidindo en que Galicia está preparada para acoller a todos os que queiran visitar a Comunidade; ademais de poñer en valor a celebración no 2023 do Ano Santo Lebaniego, aseverando que “o xúbilo de Cantabria será tamén o xúbilo de Galicia”.

Imaxes relacionadas