A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde de Pereiro de Aguiar asinaron esta mañá o convenio de colaboración

Medio Ambiente licitará en agosto as obras de mellora e humanización na capitalidade do Pereiro de Aguiar

Ángeles Vázquez subliña que o importe da actuación conveniada ascende a 167.715 euros, dos cales a Xunta achega un 70%

Os traballos consistirán no soterramento das instalacións e conexións ás vivendas, as redes de sumidoiros e na instalación dun novo pavimento, iluminación e mobiliario urbano

O Pereiro de Aguiar (Ourense), 25 de xuño de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que no mes de agosto o departamento que dirixe licitará a obra de mellora e humanización do núcleo do Pereiro, no concello do Pereiro de Aguiar.

A conselleira de Medio Ambiente fixo este anuncio durante a sinatura do convenio de colaboración polo que se executará esta actuación e que prevé un investimento global de 167.715 euros, dos que a Xunta achegará un 70%.

Ángeles Vázquez indicou que a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo está xa a traballar na recompilación da documentación para formalizar a licitación da obra, que ten dúas anualidades, para compensar a execución dos traballos coas correspondentes anualidades.

Grazas a esta actuación o ámbito delimitado pola rúa Grande, a Praza do Concello e o Carmiño Baralongo terá unha aspecto renovado e integrado coa paisaxe, ademais de ser unha zona moito máis funcional, aberta e accesible aos veciños.

Os traballos deste proxecto de mellora consistirán no soterramento das instalacións e das conexións á vivendas, para garantir servizos básicos municipais de calidade, instalarase unha rede de sumidoiros separativa, para mellorar a xestión das augas residuais deste ámbito, e tamén se rehabilitará o pavimento e se instalará iluminación e mobiliario urbano, para facer desta zona un punto de encontro para a veciñanza.

Tal e como se recolle no texto do convenio, a Consellería asumirá a licitación das obras, un trámite que se poderá formalizar no prazo previsto por Medio Ambiente, sempre e cando o Concello acredite a disposición dos terreos libres de cargas e gravames. Ademais desta obriga, o Concello deberá encargarse do mantemento e conservación da actuación.

Por último, recordou o compromiso e esforzo que a Xunta está a facer desde hai máis dunha década para colaborar coas entidades locais na execución de diferentes tipos de proxectos urbanísticos co obxectivo común de crear, mellorar ou humanizar equipamentos de uso público e colectivo, vén a través do coñecido Plan hUrbe, da convocatoria de axudas para a humanización ou de colaboracións puntuais, como a asinada esta mañá no Pereiro de Aguiar. Nese sentido, salientou que ambas administracións comparten o compromiso e obxectivo de actuar para contribuír á humanización e dinamización das vilas galegas.

Na mesma liña, tamén o alcalde Luis Menor incidiu na importancia que terá esta actuación no só para a parroquia na que se centrarán os traballos senón como elemento “vertebrador” de todo o pobo. “É unha obra moi acaída porque necesitamos ter unha boa relación con esa parte nova do concello, de xeito que nos sirva de impulso para seguir medrando e que realmente a capitalidade sexa o reflexo do que é este municipio”, declarou.

Imaxes relacionadas