A Xunta continúa avanzando na rehabilitación desta infraestrutura e a súa contorna, cuxo remate se prevé entre finais de verán e comezos do outono, cun investimento de 328.000 euros
As obras na Ponte de Baio, en Zas, fan necesario un corte de tráfico a partir do luns para acometer demolicións
As catas constataron que os voadizos das beirarrúas teñen maior dimensión da prevista e ao demolelas cómpre cortar o tráfico ata o 17 de xullo, habilitando un paso para peóns
Nas seguintes fases das obras alternaránse períodos de peche total con outros de tráfico alternativo a través dun carril, mantendo sempre o tránsito peonil habilitado
As obras de acondicionamento da Ponte de Baio, en Zas, farán necesarios axustes na planificación do tráfico co peche da circulación a partir do luns para acometer os traballos de demolición.
Unha vez realizadas as catas, os técnicos constataron que os voadizos das beirarrúas teñen maior dimensión da prevista, cun contrapeso sobre a ponte, polo que para demolelas con seguridade cómpre cortar o tráfico.
Estas circunstancias técnicas obrigan a modificar a planificación de tráfico inicialmente deseñada durante a execución das obras. Os axustes no cronograma previsto xa foi trasladado aos Concellos de Zas e de Vimianzo.
O próximo luns comezará a primeira fase da nova planificación de obras e de afección ao tráfico, que abranguerá a demolición do contrapeso, a beirarrúa e a escavación para a reposición dos servizos afectados. Esta etapa, que se prolongará ata o 17 de xullo, precisará do tráfico completamente pechado e permitirá un paso habilitado para peóns.
Desde o 18 ata o 28 de xullo prevese o traballo de reposición dos servizos de telecomunicacións, deixando aberto o tráfico cun carril alternativo para vehículos, regulado con semáforos e un paso para peóns.
A segunda fase, do 29 de xullo ao 13 de agosto, centrarase nun dos estribos. A circulación estará aberta cun carril alternativo para vehículos regulado con semáforos e un paso para peóns.
A terceira etapa, do 17 ao 20 de agosto, contemplará a demolición de mampostería augas abaixo e precisará o tráfico completamente cortado e un paso para peóns.
A cuarta fase, do 23 de agosto ao 3 de setembro, incluirá a preparación do asento, a colocación de lousas e a execución de xuntas. Para isto, será necesario o peche do tráfico, cun paso para peóns.
Na última fase, entre o 6 e o 24 de setembro, os traballos porán o foco nos pavimentos, na sinalización, nos pretís e nos remates. O tráfico estará aberto, con dous carrís para vehículos, con cortes puntuais e un paso para peóns por unha ou outra marxe, en función das tarefas.
Rehabilitación e posta en valor
Esta planificación é precisa para avanzar na rehabilitación da ponte sobre o río Grande, que a Xunta prevé ter rematada entre finais de verán e comezos do outono, tras o investimento de 328.000 euros.
A actuación acometerase na estrada AC-552, no treito entre o punto quilométrico 2+100 e o 3+000. Trátase de mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade peonil na ponte da estrada autonómica AC-552, de xeito que se facilite a mobilidade entre ambas as ribeiras do río Grande.
O proxecto porá en valor a propia estrutura da ponte e a súa contorna, tanto as beirarrúas, as marxes do río, como os treitos de acceso á ponte.
A obra, que conta coa resolución favorable da Comisión Provincial de Patrimonio, centrarase na ampliación da sección transversal da ponte mediante a execución dunha lousa de formigón armado, con voadizos en ambos os laterais.
Esta ampliación permite reordenar o tráfico rodado e peonil, xa que a nova sección transversal posibilitará albergar dous carrís de 3 metros de ancho, beiravías de 0,25 ou beirarrúas de 2,10 metros de anchura.