A Xunta celebra o incremento de vendas e de número de operadores de agricultura ecolóxica en 2020

Estes datos veñen recollidos no informe de actividade do Craega correspondente ao ano pasado

O escrito tamén pon en relevo o crecemento suscitado na última década da superficie ecolóxica da comunidade, pasando de 14.167 ha no ano 2010 a 32.055 no 2020
 

Boqueixón (A Coruña), 25 de xuño de 2021

O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Carbarcos, xunto co presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), Francisco López, participou esta mañá na presentación do informe de actividade do Craega correspondente ao ano 2020. O escrito, presentado no Pazo de Quián, pon en relevo o incremento substancial do número de operadores, tanto en industria como en produción, e do volume de vendas certificadas.
Neste senso, o director destacou o dato con respecto ao número de operadores, xa que o exercicio de 2020 pechou con 1.310 operadores, o que en termos porcentuais se traduce nun aumento do 11% no número de produtores e elaboradores, un total de 128 inscritos máis. Así, os horticultores e os gandeiros representan o 43% e o 40% dos produtores primarios respectivamente. No tocante aos elaboradores, Pontevedra establécese como a provincia coa maior parte das industrias elaboradoras e comercializadoras cun 36% do total, seguida da Coruña, cun 25%.

Os datos deste ano resaltan tamén o volume de vendas certificadas, xa que é precisamente a variable que máis aumenta, anotando un crecemento do 16,8% en relación a 2019. En total, certificáronse 108.366.111 euros, uns 15,58 millóns de euros máis que o ano anterior malia a pandemia. Neste caso, a produción animal leva o peso do Craega ao supoñer o 58% do volume total de vendas certificadas.

Finalmente, destaca o crecemento da superficie ecolóxica da comunidade na última década, pasando de 14.167 ha no ano 2010 a 32.055 no 2020, o que supón un incremento do 126%. Neste senso, Lugo e Ourense acaparan o 82% do total da superficie inscrita en agricultura ecolóxica en Galicia.

O director, José Luis Cabarcos, sinalou que estes datos constatan que a agricultura ecolóxica é o camiño a seguir, xa que se trata dunha actividade que xera riqueza e emprego na nosa comunidade, ao mesmo tempo que aposta por unha produción sustentable e respectuosa co medio ambiente, incidindo no coidado do noso territorio e a loita contra o cambio climático. Uns principios que amosan unha evolución cada vez maior cara ao ecolóxico como unha opción de futuro para o noso rural.
 

Imaxes relacionadas