A Xunta formaliza o contrato para acondicionar un paseo peonil no entorno do Mosteiro das Bernardas, en Pantón

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que as obras foron adxudicadas por 205.000 euros e teñen un prazo de execución de tres meses

Pantón (Lugo), 26 de xuño de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de formalizar o contrato para acometer as obras de acondicionamento do paseo peonil da rúa das Bernardas, en Ferreira de Pantón. Os traballos foron adxudicados por 205.000 euros e teñen un prazo de execución de tres meses.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que esta intervención dálles continuidade ás actuacións de urbanización e adecuación desta contorna realizadas ao longo dos últimos anos e permitirá completar o paseo situado fronte ao mosteiro cisterciense, enlazando o núcleo de Ferreira coa praza do Curro. En total actuarase nuns 770 metros da rúa das Bernardas -antiga N-120-, de titularidade municipal.

O proxecto inclúe a mellora dun treito en curva que carece de beirarrúa nunha das marxes, ademais de ter un muro moi próximo á estrada que dificulta o paso dos peóns e a visibilidade para os vehículos.

A cesión dunha porción de terreo por parte dun propietario permitirá derrubar o muro e dispor de espazo para construír unha beirarrúa de pedra, en concordancia coas do resto do traxecto. Posteriormente levantarase outro muro de pedra, igual que os que xa hai no tramo, para delimitar a zona.

Tamén se pavimentará a calzada con aglomerado en quente -á altura da recta fronte ao mosteiro e na praza do Curro-; e habilitaranse pasos de peóns e sinalización horizontal e vertical. Instalarase alumeado público e sistema de evacuación de augas pluviais, e levaranse a cabo as actuacións precisas para adecuar as canalizacións eléctricas e de telecomunicacións.
 

Imaxes relacionadas