A Xunta impulsa a comercialización de Artesanía de Galicia no Mercado da Serea de Boiro

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación colabora nesta primeira edición coa realización de tres talleres de iniciación á estampaxe e á creación de cianotipias

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitará mañá sábado este evento que se celebra no Pazo de Goiáns e no que participan 12 obradoiros da marca

Boiro (A Coruña), 25 de xuño de 2021

A primeira edición do Mercado da Serea celébrase mañá sábado en Boiro co obxectivo de potenciar a divulgación dos oficios artesanais e de impulsar a comercialización do produto artesán galego. No evento participan un total de 20 expositores, dos cales 12 forman parte da marca Artesanía de Galicia.

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegarase mañá a esta iniciativa que está organizado polo Concello de Boiro co apoio da Xunta de Galicia. Durante a xornada está previsto realizar tres talleres participativos e abertos ao público, organizados por Artesanía de Galicia.

O obradoiro Amorote (Ames) será o encargado de impartir un taller sobre estampaxe e a artesá María José Martínez encargarase das outras dúas actividades: o obradoiro de Gyotaku, unha técnica tradicional xaponesa de estampaxe manual empregando peixes, e mais o obradoiro de creación de cianotipias, no que se conseguirán imprimir negativos empregando papel de acuarela e un produto químico sensible á luz, en diversos tons de azul.

Os artesáns profesionais da marca Artesanía de Galicia que estarán no Pazo de Goiáns para comercializar o seu traballo este sábado están especializados nos ámbitos do coiro, os instrumentos musicais, a cerámica, o cartón pedra, a elaboración de redes, o vidro, a ilustración ou os complementos de moda. Son Milena Colella, Deica Creacións e Jatafarta (Santiago de Compostela), Amorote (Ames), Conloquetengo (As Pontes), Instrumentos Musicales Laureano (Pontevedra), Alén das Olas (Marín), Redeiras Illa da Estrela (Ponteceso), Tejeluz (Boiro), Pedras de papel (Rianxo), Raposiñas (A Pobra do Caramiñal) e Guitarras Vieites (Boiro). A programación complétase coa exposición da artista Paola Magali e coas actuacións musicais dos grupos Mallou (12:30horas) e The cuncas (19:30horas).

O Mercado da Serea, que se celebrará no Pazo de Goiáns en horario de 11:00 a 21:00 horas, busca xerar un espazo de oportunidades para profesionais do mundo da artesanía, das artes e do deseño; un escaparate para ver o talento creativo e innovador de artistas e de profesionais da artesanía, moi especialmente de Boiro e da súa comarca.

Imaxes relacionadas