As obras de remodelación da praza de abastos de Noia comezarán no segundo semestre do ano

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou hoxe o mercado, que se dotará dunha imaxe moderna para contribuír a súa consolidación como motor do comercio local

Cun orzamento de máis dun millón de euros, a Xunta de Galicia financia o 50% do proxecto, que entre outras actuacións inclúe a reubicación dalgúns postos, a instalación dun ascensor ou o incremento de espazos con luz natural

Noia (A Coruña), 24 de xuño de 2021

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou esta mañá a praza de abastos municipal de Noia para dar conta da previsión de execución das obras de reforma do inmoble. Xunta e Concello teñen asinado un convenio polo cal investirán máis dun millón de euros en ditos traballos de mellora, os cales están previstos que empecen este mesmo ano.
A Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación vai impulsar con máis de 500.000 euros a reforma integral do edificio, financiando así o 50% das actuacións necesarias para consolidar o mercado noiés como motor do comercio local da vila e como parte do seu atractivo turístico.
O obxectivo desta intervención será dotar ao inmoble dunha imaxe moderna mantendo a súa morfoloxía e permitindo reordenar o espazo comercial. Na planta baixa está previsto levar a cabo unha reconstrución dos postos centrais respectando os seus límites actuais, mentres que os postos perimetrais se conservan integralmente e serán revestidos polo seu exterior con novos acabados para unificar a imaxe dos mesmos e do conxunto da praza.
Na primeira planta ampliarase a superficie comercial, e proponse a reubicación dos postos en torno ao espazo central, recuperando así a presenza das tres fachadas do edificio. Ademais, esta planta reorganízase nun espazo máis diáfano capaz de albergar diferentes actividades.
A ampliación dos aseos, a mellora da accesibilidade a través da instalación dun ascensor, o incremento de espazos con luz natural e a incorporación dos servizos de consigna e almacéns son outras das actuacións previstas no proxecto.
Con esta iniciativa séguese reforzando a liña de colaboración entre a Xunta e os concellos galegos para a potenciación dos mercados municipais e prazas de abastos, co obxectivo de acadar un modelo de calidade baseado na accesibilidade, sustentabilidade, organización e xestión de servizos.

Imaxes relacionadas