O proxecto "Camiño de historias" impulsado no marco do programa “O teu Xacobeo” promociona as rutas xacobeas

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta tarde na presentación da web audiovisual coa que se da a coñecer varios itinerarios a través de máis dun cento de vídeo-historias cos relatos sobre as experiencias dos peregrinos

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2021

Máis dun cento de vídeo-historias sobre as experiencias dos peregrinos que percorreron 3.500 quilómetros a través de seis das rutas xacobeas –o Camiño Francés, o Portugués, o de Fisterra-Muxía, o Inglés, o do Norte e o de Inverno- integran o proxecto Camiño de Historias que se presentou hoxe nun acto no que participou a directora de Turismo, Nava Castro. Esta web audiovisual é unha das iniciativas beneficiarias da primeira edición do programa O Teu Xacobeo e conta cunha axuda de 20.000 euros.
Nava Castro destacou que a iniciativa permite “dar a coñecer o Camiño a través das ollos dos peregrinos e das súas vivencias e como eles vén a cultura, a historia e o patrimonio de Galicia”. De feito, as gravacións levadas a cabo por profesionais realizáronse en puntos estratéxicos para o turismo galego, incluíndo bens declarados Patrimonio da Humanidade, e poden consultarse na páxina www.caminodehistorias.com.
O proxecto conta ademais dos relatos audiovisuais agrupados por Camiños, cun podcast recopilatorio para consultar recomendacións de aloxamentos, gastronomía e visitas culturais.
Camiño de Historias é unha dos 350 proxectos beneficiarios da primeira edición de O Teu Xacobeo, na que a Xunta investiu 4,7 millóns de euros, e que está a permitir levar o espírito do Camiño por todo o territorio galego. No marco deste programa púxose en marcha unha segunda edición cun total de 220 propostas que se están a desenvolver cun investimento de 3,3 millóns de euros. En total, o Goberno galego destinou en ambas edicións case 8 millóns de euros con máis de 500 propostas para desecentralizar o Xacobeo 21-22 e facer participe deste evento a toda a cidadanía e a tódolos concellos galegos.

Imaxes relacionadas