A Xunta avoga pola corresponsabilidade e a conciliación para mellorar o clima laboral, a retención do talento feminino e a vida familiar

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, abriu hoxe o webinario da Xunta ‘A corresponsabilidade e a conciliación na realidade da empresa’

Reivindicou a implicación das empresas, pero tamén de sindicatos, persoas traballadoras, familias e Administración pública cara á igualdade laboral

A xornada contou coa participación de responsables de recursos humanos de firmas con experiencia en igualdade laboral como Hijos de Rivera, Finsa e Ciesa

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2021

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, abriu hoxe o webinario da Xunta sobre A corresponsabilidade e a conciliación na realidade da empresa onde defendeu a implantación destas medidas de igualdade laboral para mellorar o clima nos espazos de traballo e mesmo reter o talento feminino.
“As empresas, como entidades empregadoras, poñen ao dispor do seu persoal tanto mulleres como homes unha serie de medidas que teñen como obxectivo a compatibilización do seu posto de traballo co tempo que necesitan para realizar outras actividades”, especificou a directora xeral.
O webinario de hoxe trasladou aos interesados as medidas concretas impulsadas pola Xunta como a necesaria análise das medidas implantadas para facilitar a conciliación persoal, familiar e laboral cara a promover o exercicio corresponsable destes dereitos. “A empresa, a través do plan de igualdade, debe analizar se as súas condicións de traballo dificultan o exercicio de maneira corresponsable do coidado de menores, persoas con discapacidade ou maiores”, indicou Mancha.
A Xunta defende a implicación neste proceso en favor da igualdade laboral de todos os suxeitos implicados. Así, a directora xeral reclamou o papel das empresas, pero tamén das organizacións sindicais “negociando as medidas de corresponsabilidade axeitadas”; das Administracións Públicas “sensibilizando, fomentando, promovendo estas medidas”; das persoas traballadoras “comprometéndose coa igualdade e exercitando o seu dereito á conciliación dunha forma responsable” e das familias para “dar resposta á necesidade de compaxinar o traballo remunerado cos traballos do fogar”.
Mancha destacou na súa intervención que ademais de que as medidas que garanten a igualdade efectiva entre homes e mulleres constitúen xa unha obriga para todas as empresas, a súa consolidación, ademais de reportar beneficios nas familias, favorece a redución do absentismo laboral por causa de estrés e ansiedade, aumenta a produtividade das entidades, mellora o clima laboral, permite captar e reter talento e mellorar a imaxe das empresas. “Contribúen a reforzar a súa responsabilidade social empresarial”, fixo énfase.
A Xunta convidou á xornada de hoxe a empresas galegas pioneiras na implantación de medidas de conciliación para compartir a súa experiencia. Así participaron na xornada os responsables de recursos humanos e/ou relacións laborais da cerveceira Hijos de Rivera, S.L, da madereira Finsa e da consultora de enxeñaría Ciesa.

Imaxes relacionadas