A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade interveu esta tarde no Pleno do Parlamento de Galicia

Ethel Vázquez salienta que a Xunta investiu case 25 M€ na última década en obras para reforzar a seguridade viaria e a mobilidade no Concello de Nigrán

Asegura que Nigrán é un dos municipios galegos que concentra máis esforzos do Executivo autonómico en materia de estradas e de seguridade viaria

Insta a solicitar conxuntamente ao Ministerio de Transportes que modifique os criterios de reparto dos fondos Next Generation, xa que deixan fóra actuacións como a mellora de beirarrúas no treito urbano da PO-552 en Nigrán

Vázquez Mourelle destaca os 6,5 km de sendas executados no municipio: na PO-325, de Praia América a Baiona; na PO-340, na Ramallosa; e na PO-552, en Priegue

Remarca a mellora da seguridade na PO-325, cun investimento de 8,4 M€, ou a remodelación dos enlaces da AG-57 en Sabarís, Nigrán e Gondomar, cun orzamento de 10 M€

Subliña o investimento de máis de 1 M€ en eliminar dous treitos de concentración de accidentes na PO-552

Apunta que a Xunta vén de adxudicar, por 1,5 M€, o reforzo do firme en máis de 30 quilómetros da estrada PO-552 e nun treito da PO-325

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta leva investidos case 25 millóns de euros na última década en actuacións para reforzar a seguridade viaria e a mobilidade no concello de Nigrán.

Vázquez Mourelle subliñou que Nigrán é un dos municipios galegos que concentra máis esforzos do Executivo autonómico en materia de estradas e de reforzo da seguridade viaria e instou a solicitar conxuntamente ao Ministerio de Transportes que modifique os seus criterios de reparto para os fondos Next Generation, xa que deixan fóra actuacións como a mellora de beirarrúas no tramo urbano da PO-552 ao seu paso por este concello pontevedrés.

Detallou que dos 11 itinerarios do Plan de Sendas de Galicia para a comarca de Vigo, 3 benefician directamente a Nigrán. Así, súmanse case 6,5 quilómetros de novos itinerarios peonís e ciclistas seguros construídos pola Xunta para desfrute de veciños e visitantes neste municipio.

Concretou actuacións como a senda na PO-325, na zona de Monte Lourido, entre a travesía de Praia América e o paseo ata Baiona, continuación dunha actuación anterior, cun orzamento de máis de 390.000 euros.

Tamén se referiu á senda executada na estrada PO-340, entre Gondomar e A Ramallosa, cunha achega de máis de 1,7 millóns de euros; ou á senda na PO-552, con tres treitos, dous no concello de Vigo, e un en Nigrán, na parroquia de Priegue, cun orzamento de 660.000 euros.

Trátase, segundo explicou a conselleira, de actuacións dirixidas a reforzar a seguridade viaria, a favorecer os desprazamentos dos veciños de Nigrán e a incidir na mellora da calidade urbana, con novos espazos de tránsito para unha mobilidade máis sostible e respectuosa co medio.

Precisou que ao ser intervencións integrais, a Xunta tamén aproveitou para reordenar o tráfico, mellorar o firme, renovar beirarrúas ou facer obras complementarias relativas ás redes de drenaxe, iluminación, ou canalizacións, na que tamén se inclúen outros servizos que lle correspondería executar ao Concello por ser de carácter urbano.

Ethel Vázquez sumou a estas obras a mellora da seguridade viaria e a accesibilidade na PO-325 en Nigrán, cun investimento que superou os 8,4 millóns de euros. Engadiu as obras que permitiron completar os movementos dos enlaces da AG-57 desde Baiona, en Sabarís, Nigrán e Gondomar, cun investimento de 10 millóns de euros.

Ademais, apuntou o investimento de máis de 1 millón de euros na eliminación de dous treitos de concentración de accidentes na PO-552.

Concretou que nun xa se executaron as obras o pasado ano, coa construción de dúas glorietas, unha na intersección coa rúa Rans e outra no cruce coa rúa Valle Inclán.

En canto á outra actuación, que afecta ás zonas de Saiáns e Priegue, informou de que a Consellería de Infraestruturas está a reformular o proxecto para dar cabida ás achegas dos veciños e o Concello e lograr unha actuación máis adaptada ás súas necesidades.

Fixo fincapé en que ademais das novas infraestruturas viarias, cómpre manter en boas condicións as existentes, polo que o Goberno galego leva investido nas vías autonómicas ao paso por este concello máis de 700.000 euros desde 2009.

A este respecto, sinalou que a Xunta vén de adxudicar, por 1,5 M€, o reforzo do firme en máis de 30 quilómetros da PO-552 e nun treito da PO-325. A mellora beneficiará, ademais do concello de Nigrán, aos municipios de Oia, A Guarda, O Rosal, Vigo e Baiona.

Puntualizou que a Xunta traballa para favorecer a mobilidade interurbana, manter en boas condicións os 5.500 quilómetros de rede de estradas autonómicas, velando pola seguridade viaria e polos usuarios vulnerables.

Imaxes relacionadas