O presidente da Xunta participou este mediodía na clausura da XXI Asemblea xeral de socios da Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF)

Feijóo afirma que a Xunta seguirá defendendo o dereito dos galegos ás herdanzas en vida e pide ao Goberno que dea marcha atrás cunha rectificación total

“Non estamos de acordo, non o imos aceptar e, se fose necesario, acudiremos ao Tribunal Constitucional”, di

Destaca que desde 2016 máis de 160.000 familias galegas beneficiáronse dos pactos sucesorios sen ter que pagar nin un só euro por recibir bens dun familiar directo

Incide en que as empresas familiares non só xeran riqueza senón que contribúen de maneira decisiva a cohesionar a sociedade, apostando polo mantemento do emprego, como se puxo de manifesto durante a pandemia, preservando o 93% dos postos de traballo

Reitera que os gobernos non poden poñer dificultades ao emprendemento, senón que deben apoialo e facilitalo; e, con ese fin, recorda que a Xunta segue pagando en tempo e forma aos seus 14.800 provedores, en 13,5 días de media

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2021

O presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, aseverou hoxe que a Xunta seguirá defendendo o dereito dos galegos ás herdanzas en vida. “É unha competencia exclusiva de Galicia, un dereito civil propio e un imposto cedido á Comunidade”, remarcou, pedindo novamente ao Goberno central que dea “marcha atrás”, cunha rectificación total ante un proxecto de lei que establece unha presunción de fraude sobre os herdeiros.

Durante a clausura da XXI Asemblea xeral de socios da Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF), Feijóo afirmou que “non estamos de acordo, non o imos aceptar e, se fose necesario, acudiremos ao Tribunal Constitucional”, sentenciou, recordando que desde 2016, máis de 160.000 familias galegas beneficiáronse dos pactos sucesorios sen ter que pagar nin un só euro por recibir bens dun familiar directo.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta incidiu en que as empresas familiares non só xeran riqueza senón que xeran unha cohesión da sociedade, apostando polo mantemento do emprego, como se puxo de manifesto durante a pandemia, preservando o 93% dos postos de traballo.

Ao respecto, recordou que Galicia é a terceira comunidade cun maior número de empresas familiares: o 92% do sector privado galego son empresas deste tipo, representando máis do 86% do emprego privado e o 95% das empresas son pemes ou microempresas.

Deste xeito, reiterou que os gobernos non poden poñer dificultades e obstáculos ao emprendemento, senón que deben apoialo e facilitalo. E, con este obxectivo, recordou que o Executivo galego segue xestionando de modo responsable e mantendo unha ratio de débeda entre as máis baixas de España; ademais de apoiar ao tecido produtivo, pagando en tempo e forma aos 14.800 provedores da Administración autonómica -en 13,5 días de media, a metade do tempo que o conxunto das comunidades-.

“E apostamos tamén polo investimento”, dixo, precisando que Galicia é a autonomía con maior peso dos investimentos sobre o total de gasto non financeiro, co 13,7% ,” case o dobre que a media, que se sitúa no 7,2%”.

Neste compromiso por xerar un marco de confianza e estabilidade ao tecido empresarial, o presidente da Xunta referiuse tamén á Lei de reactivación económica que propón un cambio na cultura administrativa, configurando unha administración máis moderna, que combine a capacidade para ofrecer unha resposta áxil e eficiente, que facilite a iniciativa empresarial coas máximas garantías xurídicas.

O presidente da Xunta concluíu agradecendo o traballo da Asociación Galega da Empresa Familiar, cuxo presidente formou parte do comité de expertos económicos que asesorou á Xunta desde o inicio da pandemia. Ademais de incidir no papel fundamental que as empresas familiares desenvolverán na recuperación económica.

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta