A Xunta salienta a remodelación integral do campo de fútbol das Lombas, en Catoira, financiada con 236.000 € do Fondo de Cooperación

O delegado territorial, Luis López, supervisou hoxe esta actuación, que consistiu na substitución de todo o céspede artificial, o cambio da cuberta da bancada, a mellora do illamento térmico dos vestiarios e diversas obras na fontanaría, portas e accesibilidade

O proxecto recibiu unha axuda da convocatoria 2020 do Fondo de Cooperación, unha liña que xa ten aberto o prazo de solicitude deste ano ata o 1 de outubro cunha partida de 4,5 M€ para a rehabilitación e conservación de bens municipais
 

Catoira, 23 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, financiou as obras de remodelación integral do campo de fútbol das Lombas, no concello de Catoira, cunha achega de 236.000 euros a través do Fondo de Cooperación.

O delegado territorial, Luis López, achegouse ata esta instalación deportiva para supervisar esta actuación con motivo do seu remate xunto ao alcalde, Alberto García, e o concelleiro delegado de Relacións coa Xunta, Iván Caamaño.

“O campo de fútbol quedou en inmellorables condicións para o seu uso por parte dos deportistas e veciños de Catoira e, moi posiblemente, esta remodelación non sería posible sen o financiamento da Xunta de Galicia por cuestións orzamentarias, polo que o Fondo de Cooperación é de gran utilidade para os concellos, sobre todo como ferramenta para outorgarlles liquidez e afrontar fortes investimentos”, explicou o representante autonómico.

A actuación realizada nas Lombas consistiu na súa modernización integral coa substitución do antigo céspede, a nivelación da cancha coa extracción do recheo de area e a dotación de herba artificial de última xeración, a marcaxe de liñas de xogo para fútbol-7 e fútbol-11, o cambio da cuberta da bancada por unha de ferro galvanizado, a renovación das varandas e asentos en mal estado, a mellora do illamento térmico dos vestiarios e a execución de obras de fontanaría e accesibilidade, así como a substitución das portas.

Esta obra tiña un orzamento de 236.143 euros que foron financiados polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) a través do Fondo de Cooperación correspondente ao ano 2020. Deste xeito, o Concello de Catoira accedeu a este préstamo sen xuros que devolverá durante os vindeiros oito anos a razón de menos de 30.000 euros por exercicio.

Fondo de Cooperación 2021

Polo demais, o delegado territorial tamén informou na súa visita a Catoira de que a Xunta acaba de abrir a convocatoria 2021 do Fondo de Cooperación, polo que animou á concorrencia de todos os concellos de menos de 50.000 habitantes que estean interesados en acometer obras de rehabilitación e conservación do seu patrimonio municipal e que precisen de financiamento cómodo para a súa execución.

“O formato do Fondo de Cooperación é ideal para os concellos, especialmente os máis pequenos que moitas veces non poden acometer obras de certo calado por non dispoñer de liquidez inmediata, e ademais é moi asumible, xa que estamos a falar dunha carencia de ata oito anos sen xuros de ningún tipo, co cal dáse resposta, outra máis, a unha necesidade municipal”, manifestou Luis López, que revelou que a convocatoria 2021 deste fondo permanecerá aberta ata o 1 de outubro e conta cun orzamento para este ano de case 4,5 millóns de euros.

O Fondo de Cooperación foi creado polo IGVS no ano 2017 e, ata a data, permitiu financiar un total de 36 actuacións dos concellos en toda a comunidade galega cun investimento global duns 7 millóns de euros.
 

Imaxes relacionadas