A Xunta reforzará a inspección do estado dos camiños para garantir a súa conservación ante o aumento de peregrinos este Xacobeo 21-22

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, explicou no Parlamento o investimento do Goberno galego no acondicionamento, a sinalización e o embelecemento das rutas xacobeas, xunto cos 85,6M€ reservados este ano para o desenvolvemento do Ano Santo

Incidiu en que Galicia está preparada para recibir a turistas e peregrinos e consolidar a imaxe da comunidade como destino seguro con medidas como o seguro coronavirus

O reforzo da comunidade como destino seguro permitiu que no primeiro cuadrimestre do ano resistise 23,5 puntos mellor que a media nacional no que a afluencia de viaxeiros se refire

Confía en que o Goberno central aposte polo Ano Santo nas asignacións aínda pendentes, pese a que o Plan Nacional Xacobeo presentado a semana pasada debería contar cunha maior inversión
 

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe nunha comparecencia no Parlamento que o Goberno galego reforzará os equipos que inspeccionan o estado das distintas rutas do Camiño para garantir a súa conservación co previsible aumento de peregrinos no Xacobeo 21-22. De feito, a semana pasada chegaron a Compostela máis de 3.600 peregrinos –2.000 só entre o venres e o domingo- e no que vai de xuño uns 9.000, o que supón un máis do dobre que os 4.000 de todo maio, que a súa vez cuadriplican aos 1.000 de abril.
Co obxectivo de manter tódalas rutas nun estado óptimo, a Xunta dobrará o orzamento para a vixilancia e conservación con 400.000 euros máis ao ano en labores de conservación, seguimento, coordinación e xestión de todas as actuacións necesarias. O reforzo suporá reducir á metade os tramos que deben vixiar os técnicos, o que redundará nunha mellora en tódolos trazados.
Esta actuación súmase as levadas a cabo pola Xunta no marco do Plan Director do Camiño 2015-2021 para ofrecer a mellor imaxe de Galicia aos peregrinos neste Ano Santo. Xunto cos 33,9 millóns de euros investidos neste período no acondicionamento dos Camiños, inclúense 3,7 millóns na súa mellora paisaxística e 6 millóns na sinalización. Nesta liña, Alfonso Rueda lembrou que o tramo do Camiño Portugués da Costa por Vigo é o único sen sinalizar ao non ter autorización do concello. Por iso, agradeceu a implicación de hostaleiros e comerciantes por unirse á proposta da Xunta e incluír a sinalización homologada nos seus locais.
Ademais, sinalou que trala reapertura da metade dos albergues da rede pública o pasado martes, o 1 de xullo abrirán os demais, entre eles o do Monte do Gozo, situado nun complexo revitalizado tras o investimento de 7,7 millóns de euros. O próximo martes 29 de xuño inaugurarase o albergue de Vigo, un dos 8 novos que se porán en marcha neste Ano Santo coa ampliación da rede ata os 78, ao abeiro do Plan de Albergues, ao que se destinaron máis de 7 millóns.
Tamén avanzou que nos 85,6 millóns de euros reservados este ano para o Xacobeo inclúese a súa promoción con campañas como Camiña a Galicia co obxectivo de acadar os 5 millóns de visitantes en 2022, así como a súa programación a través de iniciativas como O Teu Xacobeo e asegurou que volverán os concertos con tódalas medidas de prevención ante a covid-19.
Na súa intervención, o vicepresidente primeiro da Xunta incidiu en que Galicia está preparada para relanzar o Ano Santo, polo que espera que o Goberno central aposte tamén polo Xacobeo e os Camiños nas asignacións orzamentarias pendentes, tendo en conta que Galicia investirá só neste ano 25 millóns máis que o que recolle o Plan Nacional Xacobeo para a comunidade en cada anualidade, con 121 millóns en dous anos, 60,5 millóns por exercicio.
Por outra parte, a Xunta continua a consolidar a imaxe de Galicia como destino seguro, o que permitiu que no primeiro cuadrimestre do ano a comunidade resistise mellor con 23,5 puntos por riba da media nacional no que a afluencia de viaxeiros se refire. De cara a recuperar a confianza dos visitantes xa está en vigor o seguro coronavirus, unha medida pioneira a nivel estatal que cubrirá os custos derivados de infección por covid-19 ou por corentena.
Alfonso Rueda fixo balance do apoio da Xunta ao sector turístico desde o inicio da pandemia, por exemplo, a través das 2 convocatorias do Plan de Rescate da Xunta. Dos 182 millóns que se destinaron a ambos plans, 90 millóns –case a metade- foron para apoios á hostalería. Xa está aberto o prazo de solicitudes do III Plan de Rescate para distribuír os fondos do Estado. Ademais, anunciou que se adheriron á plataforma da Xunta 63 concellos de tódolos signos políticos para axilizar os pagos dos 2,5 millóns de euros que destinarán aos locais de hostalería dos seus municipios e que se comezarán a distribuír nos próximos días.

No marco deste apoio a Xunta habilitou o plan de choque para o sector turístico con liñas de axudas para reactivar as axencias de viaxes (5,3M€), a organización de congresos e eventos (770.000€), os guías turísticos (250.000€), o turismo termal (100.000€), ademais de 3,5 millóns para renovar as instalacións dos establecementos turísticos e máis de 8,5 millóns ao ocio nocturno –entre o primeiro plan e a liña de 4M€ aprobada a semana pasada- para o que se prevé a súa reapertura o 1 de xullo.
O Plan de choque inclúe medidas de fomento do consumo interno como a Tarxeta Bono Turístico #Quedamos en Galicia, da que se esgotou o crédito en 12 horas e coa que, despois da ampliación de 1,4 millóns ao orzamento inicial, se prevé chegar a 10.000 usuarios e inxectar 7,5 millóns ao sector. Co mesmo obxectivo e para desestacionalizar a oferta, reactivouse o programa Elixe Galicia, que mobilizará 3 millóns a través de estancias dirixidas colectivos específicos, e foi recoñecido como Premio Fitur ao mellor produto de turismo activo por Fitur e a revista Aire Libre.
 

Imaxes relacionadas