Finaliza con éxito a proba de funcionamento das sirenas de aviso á poboación de 33 presas galegas

A proba comezou ás 9,00 da mañá nas presas de San Cosmade e Salas, e repetíronse en distintas presas ata ás 16,30 da tarde

O obxectivo é que a veciñanza recoñeza o sinal acústico en caso de emerxencia
 

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2021

No día de hoxe rematou con éxito a proba de funcionamento das sirenas de aviso á poboación dun total de 33 presas galegas. Os primeiros sinais sonaron ás 9,00 da mañá nas presas e foise repetindo en distintas presas ata ás 16,30 horas.

En total, soaron máis de 70 sirenas situadas por todo o territorio, adscritas ás presas de Albarellos, As Conchas, As Guístolas, Baíña, Brandariz, Belesar, Caldas, Casoio, Castrelo, Chandrexa, Cenza, Frieira, Montefurado, O Bao, O Con, Os Peares, Peñarrubia, Portas, Portodemouros, Prada, Pumares, Río Cobo (Collado e dique), Salas, San Cosmade, San Martiño, San Pedro, San Sebastián, Santa Eulalia, Santo Estevo, Sequeiros, Touro e Vilagudín.

Tamén a partir das 10,00 horas activáronse as sirenas de aviso adscritas ao Plan de emerxencia exterior do depósito de resíduos mineiros de Alcoa en Xove.

Para a proba, contouse coa colaboración dos titulares das infraestruturas: Alcoa, Endesa, Iberdrola, PHG e Naturgy (antiga Gas Natural Fenosa); así como membros de Protección Civil dos concellos afectados, e da Confederación Hidrográfica Miño Sil e Augas de Galicia.

En Galicia, actualmente hai 45 plans de emerxencia de presa aprobados. Os obxectivos que se perseguen con este tipo de plans é ter definidas as estratexias para facer fronte a situacións que comporten risco de rotura ou avaría grave, coñecer as zonas que quedarían anegadas en caso de rotura, e ter previstos os sistemas de aviso tanto á poboación, como aos organismos xestores de Emerxencias. Son plans que buscan estar o mellor preparados posible para situacións que comporten riscos nestas instalación, e deste xeito garantir a seguridade dos cidadáns do entorno.

Aposta pola prevención

Desde a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior se quere subliñar a importancia que teñen este tipo de exercicios, xa que dan a coñecer á poboación da zona as medidas de autoprotección a aplicar en caso dunha emerxencia destas características, ademais de mellorar a coordinación efectiva entre as administracións e as empresas para garantir a seguridade na zona.