A Xunta amplía en Bueu un centro psicopedagóxico que se beneficiou dunha axuda Leader de máis de 16.500 euros

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, visitou esta tarde o centro

O investimento material consistiu no acondicionamento e equipamento do local, ademais do deseño dunha páxina web

A ampliación solicitouse co fin de facilitar a prestación de máis servizos engadidos e así poder ofertar un servizo integral que permita complementar as actividades de reforzo e de terapias

Inés Santé tamén se reuniu con distintas asociacións forestais da comarca do Morrazo para explicarlles o previsto na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia neste ámbito

Bueu (Pontevedra), 22 de xuño de 2021

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, visitou esta tarde un centro psicopedagóxico situado en Bueu que se beneficiou dunha axuda Leader para a súa ampliación. O importe total da achega foi de máis de 16.500 euros, que permitiu levar a cabo o acondicionamento e equipamento do local, ademais do deseño dunha páxina web.
O centro, dedicado ás áreas educativa-psicopedagóxica, logopedia, atención temperá e atención á terceira idade, solicitou a ampliación co fin de facilitar a prestación de máis servizos engadidos como obradoiros de lectoescritura, habilidades sociais, pintura e charlas informativas, entre outros. Así, o centro pode ofertar un servizo integral que lle permita complementar as actividades de reforzo socioeducativo e de terapias.
Neste senso, a directora xeral destacou que proxectos coma este, enmarcados na medida Leader, permiten mellorar as condicións do rural creando e mantendo emprego e dotando de servizos ás poboacións destas zonas. Así, favorécese a ocupación sustentable do territorio ao mesmo tempo que se presta unha atención especial aos colectivos máis desfavorecidos, engadiu Inés Santé.
A convocatoria de axudas Leader 2021 conta este ano cun orzamento de 13 millóns de euros e xa foron presentadas máis de 600 solicitudes de proxectos, das cales o 60% foron iniciativas produtivas e o 40% non produtivas, pertencendo máis de 150 propostas aos concellos.
Ademais, a directora xeral lembrou que durante o actual período do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, aprobáronse 1.151 proxectos ao abeiro da medida Leader, cos que se conseguiu consolidar 2.636 empregos e crear outros 778 novos postos.

Lei de recuperación

No día de hoxe, a directora xeral tamén se reuniu con distintas asociacións forestais da comarca do Morrazo para explicarlles o previsto na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia neste ámbito. Neste senso, Inés Santé trasladoulles que a nova norma recolle o marco xeral para a xestión da terra agroforestal, a súa ordenación de usos e o fomento da súa recuperación. O fin que se persegue é poñer a producir as terras arestora abandonadas e infrautilizadas e aportarlle base territorial suficiente a aquelas explotacións existentes que a precisan, matizou a directora.
Nesta liña, a directora xeral apuntou que a nova norma rexerá un conxunto de instrumentos voluntarios para mobilizar a terra, que convivirán coa declaración de novas concentracións parcelarias en lugares nos que haxa iniciativa agrícola e gandeira. Entre eles salientan os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as agrupacións de xestión conxunta, figuras que debullou Inés Santé, insistindo en que garanten a seguridade xurídica para propietarios e destinatarios, así como a rendibilidade.
Ademais, tamén salientou outra ferramenta que se crea con esta lei para propiciar a remuda xeracional no agro. Trátase do Banco de Explotacións, un instrumento público de mediación que facilitará o contacto entre titulares de explotacións que abandonan a actividade e persoas interesadas en incorporarse a elas, co fin de garantir a súa continuidade e a das súas terras.

Imaxes relacionadas