Trenor participou no acto de entrega de mencións da Policía Nacional ao sector da seguridade privada polo seu traballo nos servizos sanitarios

A Coruña, 22 de xuño de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou esta mañá no acto de entrega de mencións da Policía Nacional ao sector da seguridade privada polo seu traballo nos servizos sanitarios durante a pandemia no Chuac.

O representante do Goberno galego destacou na súa intervención que en Galicia traballan arredor de 6000 vixiantes para 120 empresas e resaltou o imprescindible apoio que prestan á Garda Civil e a Policía Nacional no que a seguridade pública se refire.

“Sodes o ingrediente imprescindible para o cocktel perfecto: público e privado colaborando e cooperando”, subliñou o representante do Goberno galego.

Trenor lembrou que “Galicia deu a talla como comunidade grazas á colaboración dun conxunto de institucións públicas e do sector privado que foron capaces de traballar en harmonía, en parte por iso Galicia foi e é unha das Comunidades con mellor comportamento nesta pandemia mundial”.

Imaxes relacionadas