A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá a zona para comprobar o resultado dos traballos acometidos

A colaboración entre Xunta e Concello de Covelo na mellora do parque de Maceira garantirá un espazo público accesible e máis funcional para a veciñanza

A actuación, executada grazas a unha achega de case 135.000 euros do Executivo galego e de máis de 57.000 euros do Goberno local, enmárcase no Plan Hurbe

A responsable autonómica subliña que, grazas ás melloras realizadas, potenciarase a súa funcionalidade para que poida seguir sendo un espazo apto para celebración de festas e, á vez, unha área onde a veciñanza poida pasear e descansar

Covelo (Pontevedra), 21 de xuño de 2021

As obras cofinanciadas pola Xunta de Galicia e o Concello de Covelo para mellorar o parque público de Maceira xa están rematadas de xeito que este verán a veciñanza terá á súa disposición un novo espazo público totalmente accesible, máis seguro e multifuncional. Así o destacou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que visitou a zona acompañada polo alcalde, Pablo Castillo.

Os traballos, que comezaron o pasado mes de decembro e dos que tan só quedan uns últimos detalles por pechar, tiñan por obxecto poñer en valor este espazo público do municipio e, á vez, potenciar a súa funcionalidade co fin de diversificar os seus usos.

Para isto, instaláronse tres ramplas e renováronse as varandas para salvar as escaleiras e desniveis co fin de mellorar a accesibilidade de todo o ámbito; tamén se colocaron novos pavimentos adaptados e máis seguros en función do uso previsto en cada zona —formigón semipulido, pavimento brando e lousas de granito na área destinada a paseo e na contorna do palco da música, e lousas de granito no resto—; e apostouse pola tecnoloxía led con iluminación indirecta para facelo un espazo máis sustentable e agradable para os usuarios.

Neste sentido, a conselleira subliñou que, grazas ás melloras realizadas no parque, potenciarase a súa funcionalidade para que poida seguir sendo un espazo apto para a celebración de festas e, á vez, unha área onde a veciñanza poida pasear e descansar, compartindo actividades de ocio e esparexemento ao aire libre.

Máis dunha década apoiando aos concellos

A actuación en Maceira —cun custo de preto de 200.000 euros dos cales case 135.000 euros correspóndense coa achega da Xunta e máis de 57.000 euros coa do Concello— enmárcase no Plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno autonómico fai máis dunha década para axudar ás entidades locais na execución de proxectos urbanísticos destinados a crear, mellorar ou humanizar equipamentos de uso público e colectivo.

Ángeles Vázquez subliñou o compromiso do seu departamento á hora de apoiar técnica e economicamente ás entidades locais na promoción de actuacións que, como a de Covelo, contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida dos seus veciños ofrecéndolles lugares de uso común máis humanizados e funcionais nos que poder compartir o seu tempo de lecer.

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente destinará este ano máis de 7,4 millóns de euros a executar actuacións urbanísticas en colaboración coas entidades locais destinadas tanto a crear ou mellorar equipamentos municipais, como a acadar a posta en valor das contornas urbanas.

Así, unha parte destes fondos destinarase a financiar proxectos a través da sinatura de convenios de colaboración no marco do Plan Hurbe como o que subscribiron o verán pasado o alcalde de Covelo e mais a conselleira. O resto, mobilizarase a través da orde de axudas destinadas á creación ou mellora de infraestruturas en concellos con menos de 20.000 habitantes, convocada o pasado mes de marzo por 2,3 millóns de euros e ao abeiro da cal resultaron beneficiarios 39 concellos.

Imaxes relacionadas