A Xunta adxudica por case 835.000 euros as obras da 1ª fase de acondicionamento da estrada AC-423 entre Agrilloi e Ponteceso, en Cabana de Bergantiños
Os traballos comezarán, previsiblemente, na segunda quincena de xullo e o obxectivo é telos finalizados a comezos de 2022
A formalización das actas de ocupación está convocada para o 28 de xuño na Casa do Concello, entre as 11 e as 12 horas
A intervención inclúe a mellora do firme no tramo, a rectificación de curvas de radio reducido e a execución de tres treitos de sendas peonís
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por case 835.000 euros as obras para a execución da 1ª fase de acondicionamento da estrada AC-423, entre Agrilloi e Ponteceso, en Cabana de Bergantiños.
Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones Ponciano Nieto S.L., está previsto que se inicien na segunda quincena de xullo é o obxectivo e poder finalizalos a comezos de 2022.
Xa se procedeu ao levantamento de actas previas e o acto de formalización das actas de ocupación terá lugar o 28 de xuño na Casa do Concello, entre as 11 e as 12 horas.
A actuación, impulsada polo departamento que dirixe Ethel Vázquez e que conta cun prazo de execución de 6 meses, levarase a cabo na estrada que conecta coa autovía da Costa da Morte, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 0 e 5+350.
Trátase da 1ª fase de acondicionamento dun treito de 5,3 km da estrada autonómica AC-423, na que se mellorará o firme naqueles treitos que presenten deterioros, estendendo unha nova capa de rodadura no ámbito da actuación.
Tamén se rectificarán as curvas con radio reducido -aquelas cun radio inferior aos 50 metros- nun treito aproximado de medio quilómetro.
Executaranse tres treitos de sendas en distintos puntos da estrada: un total de 1,4 km de itinerarios peonís que conectarán cos que xa hai na actualidade, para favorecer os desprazamentos a pé.
Ademais, colocaranse varandas de protección nos lugares onde hai maiores desniveis e renovarase unha marquesiña deteriorada, para garantir o acubillo e protección dos usuarios do bus.
Como actuacións complementarias, mellorarase a sinalización, os elementos de balizamento e defensas, coa reposición dos servizos afectados que sexa necesario.