O Sergas pón en marcha unha nova unidade de saúde mental no centro de saúde da Covada en Oleiros

O novo servizo optimizará a atención dos trastornos depresivos e prevalentes na atención Primaria, ademáis de mellorar a prevención de condutas suicidas

A Xunta continúa a executar os proxectos previstos para o eido da Saúde Mental, cuxo orzamento para o ano 2021, achégase aos 14 millóns de euros

A Coruña, 21 de xuño de 2021

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal; e o xerente da área sanitaria da Coruña-Cee, Luis Verde, visitaron esta mañá a nova unidade de Saúde Mental do centro de saúde da Covada (Oleiros).
Creada para o desenvolvemento de programas de atención á saúde mental, a nova unidade conta coa incorporación de dous facultativos especialistas en Psiquiatría, un facultativo especialista en Psicoloxía clínica, un traballador social, ademais de personal de enfermería especialista en Saúde Mental.
O incremento no número de unidades de Saúde Mental dentro do sistema sanitario público galego, e a súa dotación de profesionais, ten como obxetivo principal optimizar a atención dos trastornos depresivos e prevalentes en atención Primaria, ademais de mellorar a prevención de condutas suicidas.
Do mesmo xeito, a nova unidade da área sanitaria da Coruña, contribuirá a diminuír o impacto que a pandemia pola covid 19 pode conlevar na saúde mental da cidadanía.
Desde a posta en marcha do Plan de Saúde Mental de Galicia poscovid-19, a área sanitaria da Coruña creou un programa específico para a prevención do suicidio, e ampliou a cobertura da atención as persoas residentes en entornos sociosanitarios. Así mesmo, artellou dous novos programas destinados ao apoio emocional para os profesionais sanitarios, e ao reforzo da atención psicolóxica no ámbito da atención Primaria, a través dun proxecto piloto de consultoría primaria-psicoloxía clínica.
Cómpre salientar tamén que, durante o presente ano, incrementáronse os recursos humanos destinados aos programas de atención ambulatoria á Saúde Mental na infancia e adolescencia, incorporando catro novos profesionais á unidade do Hospital materno Infantil do complexo hospitalario coruñés.
O Executivo galego continúa así a cumprir o seu compromiso de mellorar os servizos cos que combater as consecuencias psicosociais na saúde mental da poboación, executando os proxectos previstos para este ámbito sanitario durante o ano 2021, e cuxo orzamento é de preto de 14 millóns de euros.