O Sergas publica o nomeamento de 166 profesionais da categoría de enfermeiro especialista en enfermaría pediátrica

Un total de 166 profesionais se incorporan a partir de mañá ao cadro de persoal da especialidade de enfermería pediátrica do Sistema Público de Saúde Galego.

Deles, 18 acceden logo da superación do primeiro concurso-oposición convocado polo Sergas para o acceso a prazas desta especialidade, e 148 trala resolución dun concurso específico, no que participou persoal fixo da categoría de enfermería en posesión do título desta especialidade
 

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, o nomeamento dos aspirantes seleccionados no primeiro concurso-oposición e concurso específico para o acceso a prazas da categoría de enfermeiro especialista en enfermería pediátrica, que se incorporarán a partir de mañá ao cadro de persoal fixo do Sistema Público de Saúde Galego.

Son un total de 166 os profesionais nomeados, dos cales 18 accederon logo da superación do primeiro concurso-oposición para o acceso a prazas desta especialidade, e 148 tras a resolución do primeiro concurso específico habilitado para o persoal fixo do Sergas, con vínculo fixo, en posesión do título da especialidade de enfermaría pediátrica.

Do total de aspirantes que accederon a través de concurso oposición, o 83,33% teñen vínculo activo co Sergas e o 22,22% destes están vinculados cun nomeamento temporal da mesma categoría á que optan. A media de idade dos aspirantes seleccionados neste proceso sitúase en 38 anos e o 94,4% son mulleres. O 5,56% proceden de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Galicia pioneira

Coa finalización destes procesos selectivos dáse cumprimento aos compromisos adquiridos por esta Administración de avanzar no desenvolvemento do Decreto 81/2016, do 23 de xuño, polo que se creou no ámbito do Sergas a categoría estatutaria de enfermeiro especialista, coa progresiva dotación de prazas e a incorporación a estas de persoal fixo en condicións de pleno recoñecemento profesional, sendo a Comunidade Autónoma de Galicia pioneira no desenvolvemento e resolución de procesos para o acceso á condición de persoal fixo de especialidades como a de enfermaría pediátrica e enfermaría familiar e comunitaria.

Relación de centros sanitarios nos que se incorporarán os/as enfermeiros especialistas en enfermería pediátrica.