A Xunta adxudica as obras para o acondicionamento de beirarrúas na estrada PO-551 ao seu paso polo concello de Bueu

A actuación suporá un investimento autonómico de máis de 48.000 euros e as tarefas coordinarase cos traballos do Concello de modernización dos servizos baixo a beirarrúa

Trátase de mellorar a estabilidade da beirarrúa na marxe dereita da vía autonómica, nun treito de 120 metros, entre os puntos quilométricos 11+250 e 11+370

Construirase un muro de perpiaños para conter a base da zona de circulación peonil, executarase un novo recheo e pavimentarase a nova beirarrúa

Nos vaos peonís colocarase pavimento táctil direccional ou de botóns e colocarase unha varanda que permita protexer do desnivel existente nalgúns tramos da beirarrúa

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou as obras para o acondicionamento de beirarrúas na estrada autonómica PO-551, ao seu paso polo concello de Bueu.

O contrato foi adxudicado á empresa Construcciones Enrique C Casas S.L., por máis de 48.000 euros e conta cun prazo de execución de 2 meses.

Trátase de mellorar a estabilidade da beirarrúa peonil existente na marxe dereita da estrada autonómica, nun treito de 120 metros de lonxitude, entre os puntos quilométricos 11+250 e 11+370. Nesta beirarrúa produciuse un asentamento do recheo sobre o que discorre.

Os traballos obxecto deste contrato consisten na construción dun muro de perpiaños para conter a base da zona de circulación peonil, a posterior execución dun novo recheo e, por último, a pavimentación da beirarrúa nova, cun ancho medio de 1,80 metros e pavimento de baldosa hidráulica.

Ademais, nos vaos peonís previstos, no extremo da beirarrúa, colocarase pavimento táctil direccional ou de botóns. Finalmente, realizarase a reposición da sinalización da estrada e colocarase unha varanda que permita protexer do desnivel existente nalgúns tramos da beirarrúa.

As obras programaranse en función da afección ao tráfico e coordinarase coa execución dos traballos que lle corresponden ao Concello de Bueu, consistentes na modernización dos servizos existentes baixo a dita beirarrúa. En concreto, procederá á retirada de conducións de fibrocemento existentes e á disposición de novas tubaxes en substitución das anteriores.