A Xunta valora o Plan Nacional Xacobeo, pero lamenta que o Goberno central invista menos do que o Goberno galego destina só para Galicia

Bota en falta que non se tiveran en conta as súas alegacións e que as actuacións, que nalgún caso chegarán tarde, non se coordinasen coa Administración autonómica

Aplaude, en todo caso, a asignación de fondos para mantemento e rehabilitación do patrimonio histórico de uso turístico dos Camiños de Santiago

A Administración autonómica agarda que o recoñecemento ao que Galicia significa no Xacobeo teña o seu reflexo nas asignacións aínda pendentes de concretar

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia valora o Plan Nacional Xacobeo presentado hoxe polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo en Oviedo, se ben bota en falta unha maior inversión do Goberno central, xa que o conxunto do investimento para todo o Estado é menor do que destina o Goberno galego só para Galicia.
O proxecto presentado pola ministra Reyes Maroto para o conxunto das actuacións que, con motivo do Xacobeo se van desenvolver en todo o territorio español ao longo dos anos 2021 e 2022, conta cun orzamento de 121 millóns de euros; é dicir, 60,5 millóns por anualidade. A Xunta cre que non é suficiente, sobre todo se se ten en conta que o Goberno galego, só para as actuacións en Galicia, destina este ano 85,6 millóns de euros. Ademais, 45 millóns dos incluídos polo Goberno central xa estaban previstos para plans de sostibilidade turística financiados con fondos europeos.

A Administración autonómica bota en falta, ademais, que non se tiveran en conta as alegacións presentadas ao proxecto pola Xunta, que se referían a actuacións para homoxeneizar a sinalización das rutas, ofrecer información centralizada ao peregrino e embelecer os itinerarios xacobeos, así como máis medidas de seguridade.

Á Xunta, ademais, preocúpalle que o Goberno central non coordinase coa Comunidade autónoma as actuacións, e que moitas das medidas recollidas no Plan estatal vaian executarse pasado xa o dobre Ano Santo.

Con todo, coñecido o contido do texto nun acto no que estivo presente a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a Xunta amósase satisfeita coa asignación de fondos prevista para proxectos de mantemento e rehabilitación do patrimonio histórico de uso turístico nos Camiños de Santiago, no que se prevé investir 22 millóns en intervencións, un terzo do investimento total que se prevé nesta área e que recolle actuacións nalgúns dos máis destacados monumentos do Camiño na comunidade autónoma.

Recoñecemento para Galicia

A Xunta agarda que o recoñecemento ao que Galicia significa no Xacobeo teña o seu reflexo nas asignacións aínda pendentes de concretar, se ben bota en falta que o traballo realizado ata agora polo Goberno central non fora máis áxil, con maior transparencia e cunha asignación orzamentaria máis xenerosa, acorde ao que supón a celebración dun acontecemento “de especial interese público”, tal e como recoñeceu o Goberno central, que sinalou o Xacobeo como fundamental para axudar na recuperación do sector turístico nacional.

O Goberno galego cre que o Plan Nacional Xacobeo debería terse presentado en Galicia, por ser a comunidade na que conflúen todos os Camiños e a que realiza unha maior aposta polo Xacobeo. De feito, Santiago de Compostela foi o lugar elixido polo Vaticano para anunciar, coincidindo coa apertura da Porta Santa, a ampliación do Ano Santo ao 2022.