Anxo M. Lorenzo agradece o esforzo da cultura por seguir ofrecendo citas de calidade na inauguración da Feira do Libro de Redondela

O circuíto impulsado pola Xunta e a Federación de Libreiros de Galicia estará desde hoxe ata o domingo coa participación dunha quincena de autores, ilustradores e tradutores

Redondela (Pontevedra), 17 de xuño de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na inauguración da Feira do Libro de Redondela que arranca hoxe coa asistencia de máis dunha quincena de autores, ilustradores e tradutores. Trátase dunha das citas do circuíto impulsado pola Xunta e a Federación de Libreiros para divulgar o libro e a lectura por toda Galicia con 12 paradas ata o mes de agosto.

Durante o acto, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade agradeceu o “esforzo, dedicación e compromiso” que os profesionais do libro de Redondela están a levar a cabo para favorecer á reactivación do sector e incentivar o consumo cultural involucrándose, un ano máis, na celebración desta feira. Recoñeceu, ademais, o labor da Federación de Libreiros de Galicia para ofrecer unha actividade á altura do sector editorial e que, ao tempo, sexa segura tanto para os profesionais como para os visitantes. “A pandemia mudou o noso xeito de relacionarnos coa cultura, pero temos que seguir apostando por iniciativas que nos permitan achegarnos a ela dun xeito seguro”, salientou.

A cita de Redondela é a quinta parada do circuíto de Feiras do Libro de Galicia e a segunda que se celebra na provincia de Pontevedra. Esta nova edición, que conta co apoio da Xunta de Galicia, estará aberta ata o vindeiro domingo 20 de xuño na Alameda en horario de 11,00 a 14,00 horas e de 17,00 a 21,00 horas o xoves e o venres e desde ás 12,00 ata as 21,30 horas con descanso entre ás 14,00 e ás 18,00 o sábado e o domingo.

10% de desconto en todos os libros

Ao longo destas xornadas os asistentes poderán gozar dun 10% de desconto en todas as súas compras e, ademais, contarán coa asistencia de máis dunha quincena de profesionais deste ámbito como J.A. Xesteira, que fixo hoxe de preogeiro, Valentín Carrera, Sara González, Ledicia Costas, Carlos Méixome ou Denis Maza, entre outros, que asinarán exemplares nos stands. Así mesmo, contarán cun espazo propio as librarías La Imprenta, Pedreira, Cortizas e Molière.

Tras o seu paso por Redondela, o circuíto das Feiras do Libro de Galicia 2021 continuará percorrendo a Comunidade ata o mes de agosto pasando por Vigo, Ponteareas, Rianxo, A Coruña, Viveiro, Foz e Monforte de Lemos. Ademais destas citas, o sector literario de Galicia tamén estará presente nas Feira Liber, en Madrid, e na Feira de Frankfurt, previstas para o vindeiro mes de outubro.