O Sergas está a deseñar unha aplicación que permita a pacientes e profesionais sanitarios facer un seguimento da diabetes a través do móbil

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou os avances tecnolóxicos implementados en Galicia para tratar a diabetes

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, na sede da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), nunha Xornada sobre a “Tecnoloxía ao servizo da saúde en Galicia: no caso da diabetes (Diabetech)”, que o seu departamento está a deseñar unha aplicación que permita a pacientes e a profesionais sanitarios realizar un seguimento da diabetes a través do teléfono móbil. O obxectivo é, -subliñou o conselleiro-, introducir unhas pautas para mellorar o control da enfermidade no día a día e que, no caso de que a ferramenta tecnolóxica detecte algunha alerta, se notifique de inmediato ao seu médico. A través da mesma, poderase incorporar, de xeito automático, as medicións continuas de glicosa ao historial clínico.
Tamén dixo García Comesaña, que o Sergas está a traballar nunha nova actualización do proceso asistencial integrado da diabetes mellitus tipo 2, e ten en marcha un concurso centralizado para sensores tipo flash e outro para bombas de insulina.
O conselleiro remarcou que Galicia fixo dos avances tecnolóxicos un dos maiores e tamén mellores aliados á hora de tratar a diabetes, incidindo, ademais, en que a diabetes mellitus ocupa o cuarto posto como causa de morbilidade crónica e o sexto lugar como causa de mortalidade.

Tecnoloxía máis avanzada

Tal e como sinalou o responsable da sanidade pública galega, o Sergas incorporou, ao longo dos últimos anos, a tecnoloxía máis avanzada a todos os seus centros sanitarios para garantizar unha boa atención sanitaria aos pacientes diabéticos. Así, dotouse de material en atención primaria con retinógrafos e ecodóppler para o diagnóstico precoz de complicacións; ou coa dispensacíón de sensores tipo flash, para nenos maiores de 4 anos, mulleres embarazadas, persoas con discapacidade visual ou limitacións funcionais graves, ademais, de para pacientes con hipoglucemias de repetición.
Tamen destacou García Comesaña a implantación da interconsulta electrónica, dispoñible en todas as áreas sanitarias, que facilita o traballo dos profesionais de atención primaria e evita tanto as derivacións a atención hospitalaria como os desprazamentos dos pacientes. Outra das medidas postas en marcha polo Sergas para a atención a estes pacientes é a plataforma de teleasistencia a domicilio TELEA, destinada ao seguimento estreito e enfocado a detectar descompensacións.

Prevención

Na súa intervención na xornada, García Comesaña remarcou a importancia de poñer especial atención na prevención e o tratamento precoz, co fin de atrasar a aparición de complicacións e de mellorar a calidade de vida. Ao respecto sinalou que, aproximadamente o 70% dos casos de diabetes tipo 2 poderían previrse intervindo no estilo de vida, educando en hábitos saudables e mellorando a nutrición e a actividade física.
A xornada tamén contou coa participación do director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal Viñas; o subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información, Benigno Rosón Calvo; o subdirector xeral de Xestión Asistencial e Innovación, Alfonso Alonso Fachado; e a subdirectora xeral de Atención Hospitalaria, Raquel Vázquez Mourelle.

Imaxes relacionadas