Feijóo avanza que a Xunta redactará unha nova Lei de prevención e defensa contra os lumes que estará en vigor o vindeiro ano 2022

Subliña a necesidade de actualizar esta norma aprobada hai 14 anos e que sufriu preto de 80 cambios en 7 leis diferentes

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021

O titular do Goberno Galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta redactará unha nova Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais que estará en vigor o vindeiro ano 2022.

Feijóo referiuse nun primeiro termo á necesaria actualización desta norma aprobada hai 14 anos e que sufriu preto de 80 cambios en 7 leis diferentes, moitos deles debidos á aprobación de leis sectoriais que inciden en aspectos relacionados coa prevención.

Así mesmo, lembrou que tras os lumes de outubro de 2017, o Parlamento constituíu a Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia, cuxas recomendacións, aseverou, cómpre engadir xunto ás que foi aportando no tempo a Administración central.

“E tamén é necesario contar coa situación ambiental e sociodemográfica de Galicia e a súa variabilidade”, engadiu, destacando tamén as recomendación recollidas sobre a materia, materializadas no proceso participativo levado a cabo coas universidades galegas e co propio Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Sobre este punto, recordou que “levamos traballando dende fai un ano nunha Unidade Mixta de Investigación de carácter multidisciplinar coa Universidade de Vigo”. Esta Unidade fixo catro bloques temáticos: reparto competencial, actuacións preventivas, limitacións de usos e extinción.

E subliñou que o proceso participativo centrouse en tres grupos de interese: primeiramente os colectivos representados no Consello Forestal de Galicia; en segundo lugar as asociacións profesionais e sindicatos representativos do persoal empregado na prevención e defensa contra os incendios forestais; e, en terceiro lugar os traballadores adscritos á Dirección xeral de Defensa do Monte.

Logo de precisar que tras este proceso o texto será sometido agora a consulta pública previa á elaboración do anteproxecto, Feijóo explicou que “a través do portal web de Transparencia da Xunta, recolleremos as achegas das persoas e dos colectivos que queiran trasladar as súas reflexións e propostas para construír unha nova lei de defensa dos montes e contra os lumes forestais”.

Imaxes relacionadas