O IES Lois Peña Novo de Vilalba ensaia o uso de enerxía solar nun vehículo e no propio centro

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, subliñou que o proxecto comezou coa instalación de placas fotovoltaicas, que supoñen un aforro do 20% no consumo enerxético do instituto e unha redución de emisións contaminantes

Tamén coñeceu o parque de xogos dinámicos instalado no CEIP Terrá Chá ao abeiro do Proxecto Terra
 

Vilalba (Lugo), 17 de xuño de 2021

O Instituto de Educación Secundaria (IES) Lois Peña Novo de Vilalba presentou hoxe un innovador proxecto de aproveitamento da enerxía solar desenvolvido ao abeiro do Programa Innova da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O seu obxectivo é demostrar a viabilidade dun vehículo impulsado por enerxía solar e, en colaboración cunha empresa española, realizar as probas dun novo cargador para a súa próxima saída ao mercado.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou que esta iniciativa comezou coa instalación de placas fotovoltaicas na cuberta dun dos talleres, que xa están proporcionando un aforro do 20% no consumo enerxético do centro e unha redución de emisións contaminantes á atmosfera.
O centro avaliará parámetros como o consumo, carga ou duración para demostrar a viabilidade do vehículo solar, e publicará informes que poderán ser consultados por calquera persoa interesada a través do código QR impreso na carrocería.
Ao mesmo tempo, traballa coa empresa privada nun prototipo de cargador que utilizará a enerxía do vehículo como batería, de forma que en caso de emerxencia poida reutilizarse para outros usos, como abastecer puntualmente as necesidades básicas dunha vivenda.
“Este é un perfecto exemplo da calidade da Formación Profesional que se imparte en Galicia -destacou Arias-, un traballo rigoroso en colaboración co tecido industrial para avanzar en proxectos innovadores e sustentables”.


Proxecto Terra


O delegado territorial tamén coñeceu o parque de xogos dinámicos instalado no Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Terra Chá de Román, tamén en Vilalba, que puxo o broche ao Proxecto Terra no que viñeron traballando durante o curso. Este programa, que cumpriu xa 20 anos, ten como obxectivo educar e xerar espírito crítico entre o alumnado galego en relación coa arquitectura e a paisaxe.
A través de material didáctico deseñado especificamente para os máis cativos, o alumnado dos colexios inscritos traballa na aula de forma creativa e divertida a complexidade do territorio e da paisaxe, analizando os elementos que a compoñen e que conforman o territorio, afondando en conceptos como a paisaxe, o patrimonio construído, as infraestruturas, o cambio climático, a pegada ecolóxica ou as actividades e construcións sobre o territorio, aprendizaxe que constitúe un elo fundamental para que as sociedades realicen un uso sustentable e responsable da contorna.
O parque foi realizado seguindo as directrices do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia e converte a este centro nun dos primeiros da provincia en dispoñer deste tipo de instalacións, con xogos no chan e zona de descanso que provocan un mínimo impacto na paisaxe, o que resulta especialmente importante nunha contorna rural.
 

Imaxes relacionadas