O Sergas publica a relación de admitidos do proceso de actualización das listas de selección temporal de diversas categorías

Xeráronse un total de 8.030 inscricións, sumando as do anterior proceso e as de nova xeración

A categoría con maior número de solicitudes foi a de pinche, con 3.493 inscricións

Resultaron excluídas do proceso o 1,81% das solicitudes de participación
 

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a relación definitiva de admitidos e excluídos, e os resultados definitivos de baremación, no proceso de actualización das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario: facultativo especialista de área de medicina do traballo, facultativo especialista de área de psicoloxía clínica, farmacéutico de atención primaria, fisioterapeuta, logopeda, médico asistencial do 061, médico coordinador do 061, odontólogo de Atención primaria, terapeuta ocupacional, traballador social e pinche.

As listas definitivas de admitidos e excluídos coa asignación da puntuación definitiva e número de orde acadado, atópanse publicadas na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Os aspirantes poden consultar desde hoxe, no seu expediente electrónico persoal (Fides/expedient-e) a súa posición e o número de orde nas listas xeradas; así como de ser o caso, as causas de rexeitamento dalgún dos méritos presentados, dotando de total transparencia ao proceso de selección.

As listas actualizadas entran en vigor, a efectos de chamamentos, con efectos do día 18 de xuño.

Próximas publicacións

Proximamente publicaranse as listas definitivas das seguintes categorías: albanel, calefactor, carpinteiro, cociñeiro, condutor, costureiro, electricista, fontaneiro, lavandeiro, mecánico, pasador de ferro, perruqueiro e telefonista.