O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade participa no acto de presentación das obras de restauración da escalinata, reixería e cripta do Pórtico da Gloria

Román Rodríguez salienta a suma de vontades institucionais dos últimos dez anos como clave para garantir a completa posta a punto da Catedral de Santiago

Traslada ao ministro a necesidade de manter este espírito de colaboración tamén durante a celebración do bienio Xacobeo, especialmente estratéxico para a recuperación de Galicia

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe no acto de presentación das obras de restauración da escalinata, reixería e cripta do Pórtico da Gloria, onde puxo de manifesto a importancia da suma de vontades institucionais e o esforzo inversor, especialmente dos últimos dez anos, para garantir a completa posta a punto da Catedral de Santiago.
No acto, no que participou o arcebispo Julián Barrio, o ministro de Transporte, Movilidad y Agenda Urbana, José Luis Ábalos, e o alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, Román Rodríguez cualificouno como un dos maiores proxectos de conservación recentes nun ben Patrimonio Mundial. “Este é un bo exemplo de que sumar, manter liñas de traballo a longo prazo e dar continuidade aos proxectos é positivo”, expresou.
Neste sentido, gabou o labor dos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da Fundación Catedral de Santiago e das empresas contratadas, con especial intensidade grazas ao convenio financiado pola Administración Xeral do Estado e comprometido desde o ano 2014 por 17M€, que permitiu acometer unha vintena de actuacións, a maioría delas xa rematadas. Entre elas, destacan as melloras na fachada e as torres do Obradoiro, na Capela Maior ou nas cubertas, así como en numerosas zonas do interior, propiciando, entre outros aspectos, un cambio na iluminación, que agora se completan cos traballos na reixería, escalinata e cripta.
O conselleiro trasladou ao ministro a importancia de manter este espírito de colaboración institucional tamén durante a celebración deste dobre Ano Santo, especialmente estratéxico para a recuperación de Galicia. “Os fondos comprometidos nos últimos anos para a rehabilitación da Catedral reflectiron a boa sintonía existente entre a Xunta de Galicia e o Goberno do Estado, que conseguimos manter na finalización destas obras. Unha sintonía que nos gustaría sentir tamén na celebración dun Xacobeo tan singular como este bienio 21-22, máis necesario que nunca, para recuperar a esperanza e ilusión do noso presente e futuro”, expresou.


Plan Catedrais

Ademais, Román Rodríguez salientou a calidade técnica da rehabilitación e afirmou que esta fórmula servirá de exemplo nas actuacións da Xunta no marco do novo Plan Catedrais, para rehabilitar os templos catedralicios da Comunidade con vistas ao vindeiro Ano Santo 2027.
 

Imaxes relacionadas