A Xunta colabora na aposta pola música en galego da Fundación SGAE co ciclo de concertos 'Acento'

As actuacións de Pauliña e Tanxugueiras o domingo 20 e de Grande Amore o luns 21 conforman o cartel que se despregará na terraza da sede da SGAE en Santiago

Os convites para asistir ao encontro, co que tamén se conmemora o Día Europeo da Música, xa están dispoñibles na plataforma Eventbrite
 

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021

A música galega e en galego é a protagonista do ciclo Acento, que a Fundación SGAE desenvolverá en Santiago os vindeiros 20 e 21 de xuño coas actuacións de Pauliña, Tanxugueiras e Grande Amore. A Xunta de Galicia apoia economicamente a primeira edición deste encontro, que reivindica o uso do galego como lingua de expresión artística, ao tempo que conmemora o Día Europeo da Música con tres destacados nomes da nosa escena musical actual.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta iniciativa xunto ao presidente do Consello Territorial da SGAE, Teo Cardalda, e a Sabela Maneiro, do grupo Tanxugueiras. Na súa intervención, Sutil subliñou a tendencia crecente dos intérpretes galegos por se expresar na nosa lingua e a súa repercusión positiva no ámbito da normalización lingüística, especialmente entre a xuventude.

Ademais, o uso do galego na música, tradicionalmente vinculado ao folk, continúa a estenderse a moi diferentes xéneros e estilos. Esta variedade reflíctese nos tres concertos deste primeiro Acento, que terán lugar na terraza da sede da Fundación SGAE, no Parque de Vista Alegre de Santiago, con capacidade limitada. A entrada será gratuíta e os convites xa están dispoñibles a través da web de Eventbrite.

O ciclo arrancará o domingo día 20, ás 12,30 h., con Pauliña, a banca capitaneada pola cambadesa Paula Chaves, que está a presentar A malfalada, o seu segundo traballo discográfico, no que afonda na súa mestura de country, folk, rock e blues. A continuación, ás 13,45 h., será a quenda do trío de cantareiras Tanxugueiras, que a pesar da súa aínda curta traxectoria, está xa considerada como unha das formacións referentes da nova aproximación ao tradicional por parte de moitas bandas galegas.

O luns, Día Europeo da Música, Acento terá o seu fin de festa ás 20,00 h. con Grande Amore, o proxecto de rock, punk e pop electrónico de Nuno Pico, quen está a estrear o seu debut discográfico homónimo cunha moi boa acollida entre a crítica e o público.