Emigración coñece un proxecto empresarial dun galego retornado de Hungría que proporciona solucións de alta tecnoloxía iluminación para establecementos comerciais

Antonio Rodríguez Miranda destacou o apoio da administración autonómica a este tipo de iniciativas que favorecen o retorno, a posta en marcha de novos negocios e a creación de emprego

A nova liña de axudas para emprendedores retornados da Secretaría Xeral da Emigración continúa aberta e conta cun orzamento de 800.000 euros
 

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2021

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu hoxe a un profesional emprendedor retornado de Hungría, Daniel Santos Canelles, e que foi apoiado pola Xunta para a posta en marcha en Galicia en 2018 dun proxecto empresarial dedicado a proporcionar solucións de iluminación para establecementos comerciais.

Daniel Santos, de orixe galego, retornou dende Hungría no 2018, poñendo en marcha esta nova firma, Vitien, que desenvolve por vía telemática e mediante a cal ofrécese deseño de iluminación e equipos para empresas galegas, tendo entre os seus clientes a Roberto Verino.

Este galego emprendedor desenvolveu labores de enxeñería para iluminación led nunha gran multinacional en Hungría.

“Dende a Xunta de Galicia apostamos polo retorno dos nosos galegos, porque, como no caso de Daniel Santos, traen consigo un coñecemento importantísimo que aporta valor engadido e que nos permiten avanzar coma sociedade”, explicou Miranda.

Para a posta en marcha deste negocio contou en 2018 cunha axuda da Secretaría Xeral da Emigración de 6.000 euros, a través da liña de axudas a emprendedores retornados.
O secretario xeral da Emigración destacou a importancia do pulo empresarial dos galegos retornados, “que apostan por poñer en marcha novas empresas, apostando moitas delas polas novas tecnoloxías, e que favorecen o retorno, o traslado a Galicia de experiencias doutros países e a creación de emprego”.

Neste senso, Rodríguez Miranda aproveitou a visita para recordar que continúa aberta esta nova liña de axudas, que en 2021 conta cun orzamento de 800.000 euros. O pasado ano, beneficiáronse da mesma 94 emprendedores retornados.

Este programa de axudas ao emprendemento dos retornados conta este ano cunha liña especial a causa da covid-19, “xa que somos conscientes das dificultades que supón emprender e máis nun tempo tan complexo como o que estamos a vivir coa actual pandemia”. O prazo de presentación remata o 30 de setembro.

As axudas sonde 5.000 euros no caso da primeira liña (aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 2.000 se se pon en marcha nun concello rural) e de 3.000 no caso da segunda liña.

Esta liña de subvencións ten como fin favorecer o retorno a nosa comunidade autónoma dos galegos residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.
 

Imaxes relacionadas