A Xunta inicia a licitación da construción da lonxa de Canido, na que investirá preto de 300.000 euros

A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou que esta actuación da resposta á demanda do sector e da confraría de pescadores de Vigo

Vigo, 16 de xuño de 2021

A Xunta de Galicia vén de publicar o inicio do trámite de licitación pública dos traballos de construción da nova lonxa de porto de Canido, en Vigo. Así o informou a delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, quen explicou que a actuación que executará Portos de Galicia responde á demanda do sector local e nomeadamente a confraría de pescadores de Vigo e na que o Goberno autonómico investirá preto de 300.000 euros. O anuncio atópase publicado na plataforma Contratos de Galicia e no perfil do contratante da páxina web de Portos de Galicia.

Segundo dixo a representante autonómica, o novo edificio da resposta ás necesidades operativas da confraría de Canido e complementa a zona de lonxa cun pequeno espazo para usos complementarios, a solicitude dos actuais usuarios. Trátase dunha edificación dunha única altura con características similares ás do seu entorno para mellor integración. A superficie do inmoble é de 130 metros cadrados.

Polo que respecta á distribución de espazos, acollerá unha zona de ventas da lonxa con cámara frigorífica e zona de lavado; un local xeral de instalacións; oficina para a confraría; vestiarios masculino e feminino e oficina para outros usos, con aseo propio. O acceso á zona de venta prantéxase cun porche de 12 metros cadrados que facilita a carga e descarga de mercadorías.

Finalmente, a construción da edificación compleméntase coa reordenación da zona de aparcadoiros exteriores, existentes na zona limítrofe. Ademais o espazo conta coa servizos básicos e de telecomunicacións.