A Xunta convoca axudas para mellorar o equipamento de bibliotecas, arquivos e locais culturais municipais por 500.000€

O Diario Oficial de Galicia publica a orde de subvencións que contribuirá a realizar obras de reforma, ampliación ou modernización así como adquisición de materiais técnicos

O ano pasado o Goberno autonómico impulsou melloras en preto de 40 concellos no marco do seu traballo por estender e manter a actividade cultural con calidade no eido rural e urbano

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de subvencións para 2021 destinadas á mellora e equipamento das instalacións e locais dos concellos destinados a actividades de carácter cultural, por importe de 500.000 euros.
A intención desta orde de subvencións da Consellería de Cultura, Educación e Universidade é dotar dos medios necesarios ás entidades locais comprometidas coa acción cultural para que poidan executar as súas programacións, así como contar coas oportunas infraestruturas que lles permitan a adecuada realización das actividades culturais, garantindo o servizo público que prestan á cidadanía tanto nos eidos rurais como urbanos.
Poderán beneficiarse os concellos de Galicia mediante solicitude individual. Para iso deberán ser titulares dos locais culturais para os que se solicitan as axudas e estes deberán contar cunha programación cultural estable ao longo do ano. Tamén poderán solicitar estas axudas mediante a modalidade de xestión compartida. Neste caso a agrupación de concellos deberá xestionar o servizo de forma conxunta, que suporá un aforro de custos respecto dos que implicaría a prestación individual e deberá ter subscrito un convenio de colaboración entre todos os concellos integrantes.
A axuda máxima por entidade local beneficiaria será de 30.000 euros e non poderá exceder do 90% do orzamento total do proxecto subvencionable. Este importe ascenderá a 35.000 euros cando se trate de solicitudes realizadas por agrupacións de concellos. Serán obxecto de subvención as actuacións relativas ao equipamento e moblaxe de locais, a realización de obras de reforma, ampliación, modernización ou mellora de inmobles, así como a adquisición de materiais técnicos vinculados ao desenvolvemento das accións culturais. O prazo de solicitudes permanecerá aberto ata o 16 de xullo na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Na convocatoria anterior, o Goberno autonómico contribuíu á mellora das instalacións e locais culturais de preto de 40 concellos con diferentes actuacións como dotar de equipamento e mobiliario, obras de reforma e ampliación, adquisición de materiais técnicos vinculados ao desenvolvemento das accións culturais ou a mellora da accesibilidade, incluíndo a instalación de ascensores nalgún caso. A través destas axudas, a Xunta continúa impulsado a cultura nos distintos concellos buscando a máxima calidade e o seu acceso para todos os galegos.