A Xunta oferta case 1.800 prazas de formación profesional en dez centros da cidade de Pontevedra para o curso 2021/2022

O delegado territorial, Luis López, informa de que a capital provincial disporá de alomenos 69 ciclos ordinarios e para adultos dende setembro tras a incorporación da formación en Transporte e Loxística no IES Luis Seoane

As posibilidades formativas aumentarán nos vindeiros días coa publicación dos formatos duais de FP e cos másteres e cursos de especialización, que abrirán o prazo de solicitude de praza, ao igual que o resto de modalidades, o próximo 25 de xuño

“A Consellería de Educación está a apostar decididamente pola formación profesional, xa que agora mesmo ofrece moitísimas saídas laborais e conta cun elevado grao de especialización e calidade grazas ao noso compromiso e investimentos ”, explicou o representante autonómico
 

Pontevedra, 15 de xuño de 2021

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vai ofertar un total 1.778 prazas de formación profesional, a través das modalidades ordinaria, para adultos e de programas formativos básicos, correspondentes con 69 ciclos que se impartirán en dez centros da cidade de Pontevedra no curso académico 2021/2022.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez, visitou o IES Luis Seoane, no barrio de Monteporreiro, para informar de todas estas posibilidades formativas e revelar a incorporación, neste instituto, do Grao Superior de Transporte e Loxística, que será a principal novidade para o próximo curso.

Este novo ciclo enmárcase na modalidade para adultos en réxime a distancia, aínda que se misturará con certas ensinanzas presenciais, e disporá de 50 prazas e unha carga lectiva de 639 horas.

“A Consellería de Educación está a apostar decididamente pola formación profesional, xa que agora mesmo ofrece moitísimas saídas laborais, que é o que máis importa á cidadanía, e ademais son os profesionais que reclaman moitas empresas ás que lle estamos dando resposta”, explicou o representante autonómico, que tamén destacou que a Xunta “ten un enorme compromiso e está a adicar un elevado investimento para ofrecer unha formación profesional diversa, acaída á realidade do mercado e que ademais conta cun elevado grao de especialización e calidade”.

En todo caso, a oferta da formación profesional na cidade de Pontevedra vai aumentar aínda máis nas vindeiras datas coa publicación de novos ciclos e ensinanzas a través das modalidades duais de FP e dos másteres e cursos de especialización. En todos os casos, o prazo de presentación de solicitudes abrirase o vindeiro 25 de xuño e prolongarase ata o 5 de xullo, fixando a matrícula da primeira adxudicación de prazas dende o 20 de xullo.
 

Imaxes relacionadas