O conselleiro do Medio Rural, acompañado polo director da Agacal, clausurou o curso académico 2020-2021 dos Centros de Formación e Experimentación Agroforestal de Galicia

A Xunta anima á sociedade galega a apostar pola formación regrada e continua do eido agroforestal para avanzar na reactivación do noso rural

O Goberno galego ofertará 271 prazas novas nos 11 ciclos medios e superiores dos seus CFEA o vindeiro curso, así como 626 accións de formación continua cun investimento superior ao millón de euros neste 2021

José González avanzou melloras nos centros de formación da Consellería ao tempo que animou ás novas xeracións a apostar pola sostibilidade, por produtos con valor engadido e por indicativos de calidade como Galega 100% ou o futuro selo do leite de pastoreo

Sinalou que en breve se resolverán as axudas para a incorporación de mozos ao agro, así como as concedidas para plans de mellora nas explotacións, avanzando que a partir de agora os novos emprendedores contarán cun plan de titorización para asesoralos

Nesa liña, referiuse aos Espazos agrarios de experimentación que contempla a Lei de recuperación, para axudar aos novos produtores a que convertan as súas explotacións en negocios rendibles

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, animou á sociedade galega a apostar pola formación continua e regrada do eido agroforestal para avanzar na reactivación do noso rural. Así o dixo na clausura do curso académico 2020-2021 dos Centros de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Galicia, onde estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos.
En alusión precisamente á calidade, o conselleiro referiuse ás 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas coas que conta a nosa comunidade, sinalando que as novas xeracións deben seguir por ese camiño. Apuntando que o 60% das incorporacións de mozos ao agro son de vacún de leite, convidou a estes novos emprendedores a apostar pola sostibilidade, polo valor engadido e por marcas como Galega 100%, así como polo futuro selo que distinguirá o leite de pastoreo.
En referencia a eses novos emprendedores, José González comunicou que as achegas aos plans mellora e á incorporación ao agro están a piques de resolverse. Ao tempo, sinalou que a partir de agora estas subvencións van ir acompañadas dun plan de titorización que porá a disposición dos interesados formación continua co fundamento como base de que o produtor debe ser empresario, na liña do curso Gandeiros 20-30 que está impartindo actualmente as súas segunda e terceira edición. Así mesmo, referiuse ao mecanismo da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia dos Espazos agrarios de experimentación, lugares onde a Xunta vai levar a cabo -dixo- investimento para implementar negocios, facer probas e proporcionar acompañamento ata que se comprobe que a actividade agraria é rendible.
Na súa intervención, o titular de Medio Rural avanzou a mellora dos Centros de Formación e Experimentación Agroforestal de Galicia que comezará -dixo- con reformas no centro de Sergude, ao abeiro do proxecto que albergará o espello do rural galego. Canto aos centros de investigación, referiuse ás melloras no de Mabegondo e en Lourizán, xa orzamentadas.
Por último, José González sinalou que temos unha terra agronomicamente extraordinaria pero que case un 20% do territorio -500.000 ha aproximadamente- están abandonadas, mentres unha boa parte de produtores precisan máis base territorial. Por iso, ás reestruturacións parcelarias que se seguirán decretando -recalcou- sumaranse figuras como as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais ao abeiro da Lei de recuperación da terra, para xerar actividade económica. Nesa dirección, concluíu, o futuro pasa indubidablemente polo valor engadido, pola calidade e pola sustentabilidade, camiño que deben percorrer -apunta- os novos emprendedores do rural.

Formación 2021-2022

Cabe lembrar que no próximo curso 2021-2022 a Xunta ofertará 271 novas prazas nos 11 ciclos medios e superiores que se imparten nos CFEA, seguindo coa liña do feito no presente curso. Así mesmo, están xa programadas 626 accións de formación continua, cun orzamento superior ao millón de euros.
O obxectivo da Xunta é atraer especialmente o segmento de idade por baixo dos 40 anos. Das 626 iniciativas de formación continua impartidas entre todas as unidades dependentes da Consellería do Medio Rural, cómpre sinalar que 174 serán desenvolvidas polos CFEA.

Imaxes relacionadas