O conselleiro de Educación comparte clase co alumnado do colexio de Centieiras, en Fene, para explicar o funcionamento da Xunta de Galicia e a importancia do Estado das Autonomías

Román Rodríguez puxo en valor a iniciativa da mestra de 6º de Primaria Esperanza Sánchez para achegarlles as institucións aos máis pequenos dentro da materia de Ciencias Sociais

Fene (A Coruña), 15 de xuño de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou esta mañá nunha clase de Ciencias Sociais sobre as institucións públicas no colexio CEIP Plurilingüe de Centieiras, en Fene. No transcurso da sesión, tivo a oportunidade de transmitir aos estudantes o funcionamento da Administración autonómica galega desde o punto de vista da súa propia experiencia. En concreto, o titular de Educación explicou, entre outros aspectos, a contribución do Estado das Autonomías ao progreso de Galicia con ferramentas como o Estatuto de Galicia que nos últimos 40 anos facilitou o avance da Comunidade en numerosos eidos.
A sesión enmárcase na iniciativa impulsada pola mestra de 6ª de Primaria do centro, Esperanza Sánchez, para darlles a coñecer as principais institucións españolas (a Casa Real, o Congreso dos Deputados, o Senado, a Comunidade Autónoma e o Concello) aos máis pequenos, a través da voz dos seus propios representantes. Para iso, acadaron a participación das distintas institucións, entre elas, a propia Casa Real, que remitiu unha misiva ao centro felicitándoos pola actividade.
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia puxo en valor a iniciativa desta docente e felicitou o equipo do centro, encabezado pola súa directora, Iria González, por estas actividades complementarias, que contribúen a enriquecer o currículo educativo.
Así mesmo, destacou a importancia de que o alumnado se achegue desde as idades máis temperás ás institucións máis representativas do noso sistema democrático, o que contribúe de xeito decisivo á súa formación como futuros cidadáns.

Imaxes relacionadas