A Consellería de Sanidade e o Concello de Valdoviño asinan un convenio de colaboración para a reforma do centro de saúde

O investimento deste proxecto de mellora ascende a 174.176 euros, unha partida económica que será cofinanciada a partes iguais polo Sergas e o Concello

O centro de saúde de Valdoviño conta con 5.427 tarxetas sanitarias, das que 473 son de pediatría
 

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González Fernández, asinaron hoxe un convenio de colaboración no que se establecen as bases para o financiamento das obras de reforma do centro de saúde da localidade. No acto, estiveron acompañados polo delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor López, e polo director da área sanitaria de Ferrol, Ángel Facio Villanueva.
O investimento deste proxecto de mellora ascende a 174.176 euros, partida económica que será cofinanciada a partes iguais polo Sergas e o Concello. Deste xeito, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Valdoviño contarán, a partir do vindeiro ano, cunhas instalacións e máis confortables e accesibles. O centro de saúde de Valdoviño conta con 5.427 tarxetas sanitarias, das que 473 son de pediatría.
As obras, previstas consisten nunha importante reforma da fachada, que se limpará con auga a presión, eliminando todos os materiais soltos ou mal adheridos e colocando viseiras ou parasois nos ocos das ventás. Tamén se reformará a carpintería exterior, utilizando xanelas con rotura da ponte térmica. boa estanquidade e vidros de seguridade na planta baixa. Con esta actuación, búscase ademais de corrixir as deficiencias detectadas, mellorar a confortabilidade e a eficiencia enerxética do centro.
No ano 2018 o Concello e o SERGAS colaboraron para acometer reformas interiores importantes, creando unha sala de extraccións, unha sala de educación maternal e dando máis espazo para a consulta da matrona. Ademais, no exterior acometéronse actuacións sobre a cuberta para evitar humidades e unha mellora da zona de entrada para dar solución aos problemas de accesibilidade desde a beirarrúa.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

A sinatura deste convenio significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas da atención primaria que hai na nosa comunidade. Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 86 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre

70.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as sete obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 113 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.
En particular, na provincia da Coruña, nos últimos anos, puxéronse en marcha novos centros de saúde en Cambre, Malpica, Arteixo, Culleredo, A Capela, Ares, A Laracha, Galeras (en Santiago de Compostela), así como outras importantes reformas en Serantes (Ferrol), Oza-Cesuras, Padrón, Cabanas, Cee ou Coristanco.
Esta lexislatura comezou co compromiso da Xunta de completar unha renovación integral do Sergas. En consecuencia, os Orzamentos para 2021, os primeiros desta lexislatura, contemplan un incremento do 108% no capítulo de investimentos para atención primaria, pasando de 26 millóns en 2020 a 55 millóns de euros neste ano 2021.
Engadido ao anterior, a Xunta ten intención de continuar esa renovación integral da atención primaria con dúas iniciativas. Por un lado, un Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, no que definiranse as actuacións prioritarias para o Sergas, e, por outro, unha reforma organizativa deste nivel asistencial, que aposte por un modelo máis resolutivo e máis multidisciplinar, para o que Sanidade está a traballar no Consello Técnico de Atención Primaria con todos os colectivos, e para o que se creou unha Dirección Xeral de Reforma Sanitaria que pilote o proceso.
Para todo isto, é fundamental actuar tamén nos centros de saúde que aínda seguen a ser de titularidade municipal. Existe un Pacto Local para ir asumindo progresivamente desde a Xunta estes centros. Desde 2009, xa se asumiron máis de 90 e, aínda que o proceso é lento, hai que destacar que, desde 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo de Cooperación Local, inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde do grupo 1, que son aqueles coma este, cuxo edificio está dedicado integramente a fins sanitarios.
Así, nos orzamentos da Xunta de 2021 prevese a reserva de 2,23 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local aos concellos de menos de cincuenta mil habitantes que teñen que asumir os gastos de funcionamento dos centros de saúde da súa titularidade.
Polo tanto, a Xunta colabora cos concellos no mantemento habitual destes centros e colabora tamén cando, como neste caso, hai que facer reformas importantes.

Imaxes relacionadas