O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou as actuacións realizadas na pista que leva aos viñedos dende San Clodio e na que conecta A Cova e Vilardomato

A Xunta destina 90.000 euros a acondicionar camiños municipais en Ribas de Sil

Ribas de Sil (Lugo), 14 de xuño de 2021

A Consellería do Medio Rural destina 90.000 euros ao acondicionamento de vías de titularidade municipal en Ribas de Sil. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado de dúas destas actuacións acompañado do alcalde, Miguel Ángel Sotuela, e subliñou “a colaboración do Goberno galego coas administracións locais para manter en bo estado a rede de camiños municipais, que dan acceso á maioría das fincas agrícolas e son fundamentais para facilitar o traballo do sector primario”.
Arias explicou que a través do Plan Marco 20-21 e do último Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) arraxáronse dúas pistas que suman máis de tres quilómetros de lonxitude e 61.600 euros de investimento. Ademais, o Plan Marco 21-22 achega outros 28.400 euros para continuar coas melloras.
No que respecta ás obras rematadas nos últimos meses, supuxeron o arranxo de máis de dous quilómetros na vía que atravesa o val de viñedos contiguo a San Clodio ata chegar preto do núcleo de San Pedro, así como dun ramal que pecha unha superficie dunhas tres hectáreas.
Procedeuse á limpeza e reapertura de paseos e cunetas, bacheos puntuais, preparación da plataforma e cobertura de distintos tipos, triple e dobre rega asfáltica ou zahorra compactada, segundo os tramos.
Igualmente, a través do PIR a Consellería arranxou o camiño que parte do núcleo da Cova, atravesa Rebosía e remata en Vilardomato. Ademais de reparar o firme nos 1,3 quilómetros de vía, mellorouse o trazado ampliando o radio da curva existente no punto quilométrico 0,07; tamén se acondicionou unha intersección con outro camiño municipal e executáronse obras para evitar escorrentías de auga de chuvia que poidan enlodar a calzada.

Imaxes relacionadas