Esta tarde ábrese ao tráfico a zona entre o campo de Conxo e a nova glorieta de Televés no marco das obras de integración do Camiño de Santiago

Os vehículos poderán acceder ao Campo de Conxo desde a SC-20, glorieta Conxo, sentido Benéfica de Conxo, quedando para uso exclusivo de autobuses urbanos e coches autorizados o acceso desde a nova glorieta de Televés

O tráfico que accede no medio do tramo polas rúas Fervenza e Travesía de Conxo de Abaixo deberá circular en sentido baixada cara á glorieta Televés

Para continuar os traballos, desde mañá e durante o vindeiro mes, permanecerá cortada ao tráfico a rúa de Roláns no último tramo de acceso á rúa Benéfica de Conxo

A actuación forma parte do proxecto integral de posta en valor dos Camiños á súa entrada en Compostela, cun investimento da Xunta de máis de 10 M€, que estará rematado na súa totalidade este verán
 

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2021

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade prevé a apertura esta tarde ao tráfico da zona entre o Campo de Conxo e a nova glorieta de Televés, ao tempo que se segue a avanzar nas obras de integración paisaxística do Camiño Portugués no barrio compostelán de Conxo.

A circulación e ordenamento do tráfico nesta zona será similar á situación final, unha vez acaben as obras. Desde esta tarde, permitirase a circulación accedendo ao Campo de Conxo desde a SC-20 (glorieta de Conxo) sentido Benéfica de Conxo (glorieta Televés). Porén, só se permitirá o acceso ao Campo de Conxo-SC20 desde a nova glorieta de Televés a autobuses urbanos e vehículos autorizados.

Ademais, os vehículos que acceden no medio do tramo polas rúas Fervenza e Travesía de Conxo de Abaixo deberán circular en sentido baixada cara á glorieta Televés.

Adicionalmente, para continuar coa execución das obras, a partir do mañá, martes 15, procederase a cortar ao tráfico a rúa de Roláns, no último tramo de acceso á rúa Benéfica de Conxo.

O departamento de Infraestruturas da Xunta estima unha duración dos traballos de aproximadamente un mes, sempre que sexa compatible a súa execución coas condicións meteorolóxicas.

Para evitar no posible o impacto dos traballos no tráfico, habilítanse os correspondente desvíos provisionais da circulación, debidamente sinalizados.

A Xunta segue avanzando nos últimos traballos para o remate das obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Portugués ao seu paso polo barrio de Conxo, grazas a un investimento autonómico de 2,7 millóns de euros.

Entre as actuacións destaca a reforma da praza fronte ao mosteiro de Santa María, como zona emblemática de acollida e desfrute de peregrinos e veciños, que permitirá crear unha pequena praza do Obradoiro. Este espazo estase a estender ata o centro social, a escola infantil e o centro de saúde e manterá o cruceiro no seu lugar actual.

Na intervención tamén se inclúe un novo espazo de aparcadoiro habilitado ao carón do centro de saúde ao servizo dos veciños, cun total de 82 prazas de estacionamento.
Estas obras forman parte do proxecto integral de posta en valor dos Camiños de Santiago á súa entrada en Compostela, cun investimento da Xunta de máis de 10 M€, que estará rematado na súa totalidade este verán.