A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a aprobación do proxecto de mellora da seguridade viaria na PO-308 en Fontenla, no concello de Poio

Esta intervención, que supón un investimento autonómico superior aos 676.000 euros, céntrase na contorna do tramo de concentración de accidentes da vía e prevé a mellora das interseccións para diminuír a velocidade nese treito

A actuación compleméntase coa execución dunha senda ao longo de preto de 1,7 km, pola marxe esquerda, entre os puntos 3+500 a 5+150, e inclúe un pequeno treito na marxe dereita, entre a glorieta da VG-4.8 e o acceso ao IES de Poio

Estes dous proxectos suporán un investimento da Xunta de máis de 1,65 millóns de euros e o obxectivo é proceder ao levantamento de actas previas e á licitación das obras no segundo semestre do ano

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de execución de mellora da seguridade viaria na contorna do tramo de concentración de accidentes na estrada autonómica PO-308, en Fontenla, no concello de Poio.
Esta actuación conta cun investimento autonómico que supera os 676.000 euros, nos cales se inclúe o aboamento dos 30 predios necesarios para executar as obras.
O DOG tamén publica a aprobación definitiva do expediente de información pública deste proxecto. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://xurl.es/axyq2
O Consello da Xunta do pasado xoves, día 10 de xuño, autorizou o decreto das expropiacións para impulsar este proxecto, que se desenvolverá entre os puntos quilométricos 3+500 e 5+100. A actuación inclúe a mellora das interseccións no treito da PO-308 entre Fontenla e Combarro e a redución do número de xiros á esquerda entre os puntos quilométricos 4+700 e 5+600, para acadar unha diminución da velocidade nesas zonas.
Cabe salientar tamén a actuación na intersección do punto quilométrico 3+620, na marxe dereita, onde se executarán cuñas de desaceleración e aceleración; ou no punto quilométrico 3+770, tamén na marxe dereita, onde se actuará para gañar espazo para os xiros e que estes sexan máis seguros e menos bruscos.
Ademais, na intersección no punto 3+770, na marxe esquerda, disporase un sentido único e construirase unha pequena cuña de desaceleración; e na intersección entre os puntos 3+930 e 5+010 executaranse dúas glorietas.
O obxectivo da Xunta é acadar o calmado do tráfico mediante a construción de glorietas e a prohibición de xiros á esquerda, minimizando as afeccións e conseguindo unha importante mellora da seguridade viaria.

A aposta da Xunta pola renovación da PO-308

Esta actuación é complementaria e desenvólvese de forma coordinada co proxecto de construción dunha senda nesta estrada, que se desenvolve pola marxe esquerda, entre os puntos quilométricos 3+500 a 5+150 e inclúe un pequeno treito na marxe dereita, entre a glorieta da VG-4.8 e o acceso ao IES de Poio. Esta actuación conta cun investimento que rolda os 975.000 e o Consello da Xunta tamén autorizou o decreto de expropiacións deste proxecto o pasado xoves.
O investimento que o Goberno galego destinará a estes dous proxectos supera os 1,65 millóns de euros e o obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é proceder ao levantamento de actas previas e á licitación das obras no segundo semestre do ano. Os traballos, que se desenvolverán de xeito coordinado, contan en ambas as dúas actuacións cun prazo de execución de dezaoito meses.
Estas dúas actuacións de mellora da seguridade viaria e a mobilidade terán a súa continuidade na senda do tramo Combarro-Chancelas-Samieira, entre os puntos quilométricos 5+680 e 8+200. Neste caso, logo de analizar as suxestión presentadas ao proxecto e valorar as necesidades da contorna, vai ser obxecto de reformulación. O obxectivo da Xunta é impulsar un novo trámite de información, que se prevé acometer ao longo deste ano para, a continuación, poder licitar a execución das obras.
Estas novas intervencións súmanse ás xa executadas polo departamento que dirixe Ethel Vázquez na estrada PO-308, o que está a permitir unha transformación histórica ao longo de toda a súa lonxitude.
No marco do Plan de Sendas de Galicia, esta estrada autonómica suma 19 quilómetros de novas sendas, contando ambas as marxes, dos cales 15 xa están executados. Ademais das actuacións no termo municipal de Poio, están xa á disposición dos veciños e visitantes as sendas entre Portonovo e A Lanzada ou a mellora da travesía de Sanxenxo. Tamén están a executarse as obras de mellora da seguridade viaria na contorna do acceso a Areas.
En conxunto, a Xunta leva mobilizados 15,65 M€ nos últimos 5 anos na transformación da estrada PO-308. Estas actuacións completaranse a curto prazo con outros 2,14 M€ nas sendas e melloras de seguridade viaria na contorna de Combarro en Fontela, e de Chancelas ata Samieira.