O ISSGA leva realizadas en 2021 cerca de 200 comprobacións das condicións de saúde e seguridade laboral nun cento de empresas galegas

As actuacións comprobatorias activadas polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) incidiron nos riscos de caída en altura, equipos de protección e traballos en buques pesqueiros, talleres mecánicos, panadarías e tinturarías

O Issga realizou 42 intervencións en centros de traballo para comprobar o cumprimento das medidas de prevención e hixiene fronte á covid-19

A Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Issga, inicia hoxe a formación que posibilita a habilitación de 30 técnicos para o exercicio destas accións

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2021

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dependente da Consellería de Emprego e Igualdade, iniciou hoxe a formación específica de 30 técnicas e técnicos para a realización de accións comprobatorias das condicións de traballo e saúde nas empresas e centros laborais. O Instituto conta na actualidade cun equipo de 12 persoas habilitadas no desempeño destas funcións que no que vai de ano realizou 179 controis en 104 empresas.
Un total de 137 actuacións despregadas polo Issga incidiron ata o pasado 1 de xuño na comprobación de riscos de caída en altura ou a colocación axeitada de equipos de protección. Por sectores, prestouse especial atención á seguridade a bordo dos buques pesqueiros, na actividade forestal e establecementos de panadería, tinturaría e talleres de automóbiles.
Por mor da pandemia, o Issga está a poñer o foco ademais na comprobación do cumprimento das medidas de prevención e hixiene para facer fronte á crise sanitaria da covid-19. De aí que aos 137 controis haxa que engadir outros 42 destinados a asegurar se son axeitadas a ventilación, a limpeza e desinfección, as distancias de seguridade e as rutinas de hixiene persoal e uso de equipos de protección.
No segundo semestre do ano, o Issga potenciará as actuacións de control no eido forestal, principalmente na provincia de Lugo e nunha das actividades de maior risco: as operacións de tala e roza no monte.
Para posibilitar habilitar ao seu persoal nestas tarefas comprobatorias, o Issga iniciou hoxe a formación específica de 30 dos seus técnicos, impartida a través da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) pola Inspección de Traballo e Seguridade Social e certificada pola autoridade laboral.
Durante 6 xornadas en modalidade telemática ofrécese un curso de 15 horas no que se abordan aspectos como a responsabilidade empresarial na seguridade e saúde no traballo, a actuación dos funcionarios técnicos habilitados polas Comunidades Autónomas ou da normativa aplicable ás súas actuacións.
Tras a realización do curso, este persoal contará coa formación necesaria para realizar nun futuro actuacións comprobatorias. Tamén actualizan co mesmo o coñecemento sobre os contidos e a normativa dos profesionais xa habilitados na actualidade.
O traballo das persoas habilitadas neste tipo de actuacións é fundamental para reforzar o control público no cumprimento de obrigas preventivas en materia de seguridade e saúde laboral. Por medio dos mesmos, fanse requirimentos que permiten corrixir as irregularidades detectadas na maior parte dos casos, en tempo e forma.

Imaxes relacionadas