Fabiola García anima á mocidade a presentar proxectos ao programa Iniciativa Xove cuxo prazo de solicitude remata este luns

Este programa permitiu poñer en marcha un total de 1.400 proxectos ideados por mozas e mozos de entre 18 e 30 anos ao longo dos últimos 11 anos

O Goberno galego leva investidos 6 millóns de euros nesta iniciativa que ofrece axudas de ata 5000 euros a cada iniciativa ou proxecto

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, animou á mocidade galega a presentar proxectos ao programa Iniciativa Xove, cuxo prazo de solicitude remata este luns 14 de xuño. Esta fin de semana acudiu á I Feira Iniciativa Xove, que tivo lugar o sábado na Cidade da Cultura e na que se reuniron algúns dos proxectos postos en marcha ao longo destes anos ao abeiro desta iniciativa.

Fabiola García sinalou que este programa leva 11 anos axudando ás mozas e mozos de entre 18 e 30 anos a poñer en marcha un total de 1.400 proxectos en distintos eidos. O Goberno galego ofrece unha axuda económica de ata 5.000 euros para que as ideas da mocidade galega se poidan transformar en proxectos empresariais ou iniciativas de interese. Ao longo deste tempo, destináronse un total de 6 millóns de euros.

A conselleira puxo en valor algún dos proxecto postos en marcha gracias a este programa como por exemplo un proxecto de impresoras 3D ou o impulso das novas tecnoloxías no mundo agrario, coa creación dun robot de cultivo e un dron-rural, que se poden coñecer en persoa durante esta feira.

Obradoiros e exposicións

Os asistentes a esta I Feira de Iniciativa Xove poideron ver un espazo expositivo dos proxectos con acceso libre. Tamén se realizaron obradoiros, tanto presenciais como dixitais, sobre habilidades e competencias profesionais e para o desenvolvemento de modelos de negocio e márketing para o que foi precisa inscrición.

Ademais disto, desenvolveuse a presentación de proxectos e networking, cun punto de asesoramento e resolución de dúbidas acerca da presentación de iniciativas no marco do programa.